O 90% das grandes firmas estatais acubilla datos escuros

martes, 3 de marzo do 2015 Redacción

As firmas CommVault e IDC realizaron en febreiro unha enquisa sobre xestión da información na gran empresa en España. Entre as conclusións que abrollan do seu traballo conxunto, fan saber que a gran maioría das grandes empresas estatais recoñecen acubillar datos escuros, é dicir, información con poucas ou nulas características de visibilidade e accesibilidade, tanto para os traballadores como por suposto para xente allea. Falamos, segundo se apunta na investigación, do 90% das grandes compañías. Ademais, máis do 40% limita o acceso aos datos desde dispositivos portátiles e o 20% di non dar acceso absoluto en mobilidade aos datos da empresa.
As devanditas conclusións, segundo explican os responsábeis do estudo, poñen de manifesto unha das grandes contradicións do noso tempo en materia de coñecemento empresarial: malia a importancia dos datos para os negocios (son un activo esencial ben sexa para pechar unha transacción en tempo real, ben para colaborar ou innovar), non sempre é doado acceder aos mesmos, “debido sobre todo á crecente complexidade das contornas empresariais e ao reto engadido das normativas internas das empresas, que moitas veces limitan este acceso, especialmente no caso dos traballadores móbiles”.
Outra das conclusións da enquisa fai referencia á gran heteroxeneidade das contornas empresariais, que organizan os seus datos ao redor de silos departamentais, con múltiples donos dos datos e múltiples ferramentas para os mesmos. Así, máis do 30% das empresas participantes asegura contar con máis de 5 ferramentas para xestionar a súa contorna de datos, e case o 50% di contar con entre 2 e 5 ferramentas.
No caso de empresas multinacionais, engádese, a complexidade multiplícase. Así, “a subsidiaria de cada país pode ter diferentes ferramentas, en particular cando se trata dunha empresa adquirida, os colaboradores externos teñen as súas propias ferramentas e cada país pode favorecer o uso de determinadas ferramentas, ou limitar o uso doutras por razóns de uso, herdanza tecnolóxica, ou mesmo políticas”, explícase. Por certo que arredor do 65% das empresas enquisadas recoñece tardar entre 1 e 3 días en obter resposta ante unha solicitude de información.

PUBLICIDADE