No que vai de ano o 44% da facturación da Xunta tramitouse electronicamente
xoves, 18 de xullo do 2013
Na rolda de prensa posterior á celebración do Consello da
Xunta desta mañá, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, deu
conta do bo funcionamento que está a ter o sistema de factura electrónica
implantado polo Goberno galego, “que
acadou o 44% da facturación da Xunta ata o 15 de xuño deste ano”,
converténdose a nosa comunidade na “que
máis está a utilizar o sistema de factura electrónica e, en consecuencia, as
empresas e provedores da xunta de Galicia son os máis beneficiados polo sistema”.
Feijoo asegura que “estamos practicamente
en disposición de cumprir a maioría dos preceptos da futura lei de factura
electrónica” anunciada recentemente polo Goberno central grazas a que
Galicia “ten moito camiño andado e
estamos logrando substituír un modelo máis burocrático en papel por un modelo
máis simplificado e máis ordenado, que é o modelo electrónico”.
Destacou o incremento no nivel de uso da factura electrónica, que se puxo en
marcha en febreiro de 2010 e acadou ese ano 21% de implantación, o que comparou
co dato de decembro de 2012 do 42% de aplicación, e o do 15 de xullo de 2013,
que chega ata o 44%.
Na súa comparecencia, o presidente galego informou de que, desde a súa posta en
marcha, a Xunta pagou máis de 37.000 facturas electrónicas que emitiron 3.738
empresas, mentres que hai máis de 1.369 usuarios “que teñen relación directa coa Xunta de Galicia” a través deste
sistema. Tamén remarcou que a factura electrónica axiliza o proceso de
pagamento, co que “contribúe a diminuír
ou evitar os problemas de liquidez das empresas” ao tempo que “avanza no obxectivo de e-goberno, dunha
Administración máis áxil e máis eficaz”. Ademais, destacou que este é un
sistema que “reduce os custos e optimiza
os recursos humanos”, sinalando a estimación de que por cada factura
electrónica se aforran 3,5 euros.