O 25 aniversario da CRTVG celebrarase con dous concursos en Twitter

luns, 12 de abril do 2010 Raquel Noya

A Compañía de Radio Televisión de Galicia, que aínda que pareza mentira xa está a celebrar os 25 anos de vida (é que os anos pasan para todos), vén de convocar, en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios, dous concursos relacionados coas comunicación a través da Rede, co fin de facer partícipe á cidadanía dos actos conmemorativos deste aniversario.
A partir desta semana, tanto a web da CRTVG como a do Centro Multimedia de Galicia van acoller as bases de participación dos concursos convocados: As grandes frases da dobraxe da Galega e Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG, nos que poderán participar, sen excepcións, todas aquelas persoas que dispoñan dunha conta en Twitter.
A razón pola que ámbas as dúas entidades esolleron unha rede social para levar a cabo os concursos é porque deste xeito poden promover o uso das novas formas de comunicación que xurdiron en Internet nos últimos anos, en concreto Twitter, empregándoas como medio de comunicación e participación en tempo real.
O concurso As grandes frases da dobraxe da Galega convida ao concursante a propoñer e votar as frases máis coñecidas e orixinais produto da dobraxe ao galego de series ou películas estranxeiras, tales como a de XR a Suellen en Dallas: “Suellen, estás bébeda”, ou a mítica: “A rañala, raparigo”, da película Terminator. Dende o twitter do CMG os responsables da iniciativa animarán á cidadanía a participar votando as frases favoritas e suxerindo outras novas.
No outro concurso, o Que está a pasar nas aulas CeMIT con motivo dos 25 anos da CRTVG, os responsables da iniciativa tratarán de facer partícipes aos asistentes a cada unha das actividades a celebrar nas distintas aulas da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) con motivo dos 25 anos da CRTVG. Todo aquel que queira facer preguntas ou comentarios das distintas actividades poderá facelo emitindo un tweet que quedaría reflectido nas distintas pantallas de cada unha das aulas onde se realiza a actividade.
Cada un dos concursos contará con tres gañadores que poderán conseguir reprodutores blu-ray, discos duros externos ou videocámaras dixitais.
Por outra banda, ademais destes concursos, as aulas dotadas de equipamento avanzado da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) acollerán do 19 de abril ao 24 de maio unha morea de actividades con motivo da celebración dos 25 anos da CRTVG como exposicións fotográficas e vídeos conmemorativos, ou cursos relacionados co sector audiovisual. Así, nas aulas da Rede CeMIT da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol desenvolveranse cursos de stop motion, técnica de animación capaz de aparentar o movemento de obxectos estáticos capturando fotografías, no que participarán grupos de 30 persoas de idades comprendidas entre os 14 e os 16 anos.
As aulas da rede CeMIT serán tamén visitadas por personaxes emblemáticos e representativos dos 25 anos de vida da CRTVG como o Xabarín, que se achegará ás aulas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol entre o 19 de abril e o 24 de maio.

PUBLICIDADE