O 1 de xullo baixarán os prezos de telefonía en itinerancia na UE

mércores, 25 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Dende a Comisión Europea destacan que os novos prezos do uso de datos en itinerancia serán 25 menores aos de 2010

Continuando o plan do ano pasado da Comisión Europa para limitar os custos do uso da telefonía móbil en itinerancia dentro da Unión (sobrecusto que incluso prevén erradicar no futuro) temos agora que o vindeiro 1 de xullo vai ter lugar a segunda fase de reducións de prezos, que suporá unha baixada no prezo dos servizos de datos do 55,5%, mentres que facer chamadas baixará un 21%, recibilas baixará un 28,5% e enviar unha mensaxe de texto reducirá o seu prezo un 25%.
Deste xeito, a partir do martes que vén, cando vaiamos a outro país europeo teremos un prezo por chamada máximo de 19 céntimos/minuto, teremos que pagar un máximo de 5 céntimos/minuto por recibir chamadas, as mensaxes de texto custarán un máximo de 6 céntimos (o que sorprende por ser considerablemente máis económico que o prezo que normalmente pagamos dentro de España) e o tráfico de datos baixará a 20 céntimos por Mbytes.
Estas rebaixas de prezo chegan a tempo para os cidadáns que queiran viaxar por Europa nas súas vacacións, e supoñen un importante aforro, que dende a Comisión ilustran cunha táboa na que analizan un consumo de datos moderado durante unha semana noutro país da UE, que sería duns 69,39 euros cos prezos actuais e 30,84 euros cos novos prezos, pero que, nas tarifas que padeciamos en 2010 teríamos que facer fronte a uns cargos de 983,75 euros, o que ilustra perfectamente a necesidade de mudar este tipo de sobrecustos, que avanzan cara a súa desaparición (proceso aprobado a nivel europeo, pero que agora deberán negociar os distintos estados membros).

Táboa coa evolución dos prezos do roaming na UE