Novo estabilizador para gravar vídeo co smartphone

martes, 10 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

As cámaras dos smartphones non só gañaron moita popularidade nos últimos anos para o disparo de fotografías, senón que tamén teñen moito peso na gravación de vídeo, pero unha das súas eivas é a falta de estabilidade para conseguir vídeos nos que os movementos sexan fluídos e non mareen aos espectador, para o que existen accesorios como o Osmo Mobile, que ten un prezo de 339 euros, de aí que non sorprenda que xurdan alternativas máis económicas como Steadicam Volt, un estabilizador para smartphones que busca financiamento en Kickstarter de xeito que os seus mecenas poden facerse cun destes trebellos por só 139 dólares (uns 150 euros cos gastos de envío incluídos) recibíndose o produto a partires do mes de xuño.
Steadicam Volt é un produto lixeiro e encartable, para facilitar o seu almacenamento e transporte, que emprega aplicacións móbiles para iOS e Android para facilitar os seus axustes precisos, que pode acomodar un smartphone de entre 100 e 200 gramos cun ancho de entre 58 e 80 milímetros, que comunícase por Bluetooth (pensando en futuras implementacións) e que funciona con baterías recargables (cunha capacidade de até 8 horas) xa que non se trata dun simple gimbal analóxico, senón que incorpora elementos electrónicos como un simulador de inercia mediante retroalimentación háptica.
Ao colocar o teléfono no Steadicam Volt podemos movernos conseguindo uns vídeos fluídos, e incluso mover o teléfono con certa brusquidade, xa que o estabilizador procurará que o movemento da cámara sexa suave, permitindo que o usuario elixa se operar o trebello en modo deportivo (para capturar movementos rápidos) ou modo cinematográfico (simulando movementos máis propios das películas).
Aínda que este tipo de accesorios son máis propios de profesionais que queren producir vídeos coidados, un usuario particular tamén pode beneficiarse moito da experiencia de empregar un estabilizar para as gravacións de vídeos co móbil, conseguindo tanto resultados mellores como contando tamén cun agarre confortable durante as gravacións (resulta bastante máis cómodo agarrar a empuñadura deste accesorio que suxeitar un smartphone con dúas mans).
Estamos ante unha solución moi interesante que como principal atranco ten o seu prazo de entrega do produto final, xa que existen varios fabricantes chineses con produtos semellantes que actualmente son máis caros, pero que nuns poucos meses poderían mellorar as súas prestacións e/ou reducir considerablemente o seu prezo.

Non é preciso ser un profesional do vídeo para poder tirar proveito dun bo estabilizador de imaxe

Vídeo promocional do Steadicam Volt

PUBLICIDADE