Nova convocatoria na Web para repartir apertas de balde na Coruña
luns 15 de xaneiro do 2007, por | |
| Compartir |
Este era o reclamo que figuraba nun cartel que
baixaba hai uns días polo Preguntoiro de Compostela: “Ofrécese mozo agarimoso”. Debaixo do cartel, carrexándoo, tres ou
catro rapaces de idades comprendidas entre os 20 e os 30 anos, seguindo o seu
camiño sen máis, coma se o cartaz fose simplemente unha pequena variación do
vestiario ou do peiteado.
O caso é que por un carreiro semellante a ese van baixar o día 27 de xaneiro na
Coruña os convocados na Rede a través da canle galega Ingobernable, entre
outras webs, blogs e demais para participar nunha nova sesión de Apertas Gratis
na nosa terra. En realidade, trátase dunha segunda quenda moi axeitada para
todos aqueles que non puideron acudir á cita inmediatamente anterior, a que se
organizou a nivel mundial o día 30 de decembro a través de Abrazosgratis.org,
Free-hugs.com,
e noutras comunidades na W0eb. Polo que respecta á Coruña, a sede de operacións
será o Obelisco, a partir das 19 horas.
Os participantes alí reunidos con cadanseu cartel de “Apertas Gratis” ou
semellante, desenvolverán por varios espazos da cidade o seu labor de acción
colectiva: repartir agarimo e sen que exista transacción económica nin por
asomo.
Cómpre sinalar que Apertas Gratis (movemento Free Hugs, en inglés) ten a súa orixe en 2001, cando a Jason Hunter
lle morreu a nai, unha muller que achegaba apertas á xente e amor a quen tivera
ó seu alcance, viñese de onde viñese, tivese os cartos que tivese e fose da
raza que fose.
A partir de aí, e coa axuda de varios personaxes que e entraron en escena en
diferentes partes do mundo (personaxes
como Juan Mann, que como
tantos outros se atopaba só no mundo e cunha necesidade que o queimaba de
achegar e recibir agarimo) e servizos das novas tecnoloxías da información como
YouTube,
fóronse poñendo os alicerces dun movemento ou rede social que probablemente
nunca chegaría a ser como é sen o “apoio” da Sociedade da Información.
Un movemento que vai encamiñado a loitar, na medida do posible, contra o
paradoxo fundamental do mundo moderno: cantos máis somos e máis comunicados
estamos, máis nos convertemos en illas.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














