Nova aplicación para pedir cita médica dende o iPhone ou o iPad

martes, 22 de abril do 2014 Marcus Fernández

Para facilitar a xestión das nosas citas médicas para o servizo de atención primaria do SERGAS (que actualmente comprende as modalidades de medicina familiar, enfermaría, matrona, odontoloxía e traballo social) Jacobo Rodríguez vén de publicar unha aplicación renovada na App Store que, aparte de adaptarse a iOS 7, incorpora interesantes novidades que agradecerán os que frecuenten o médico ou teñan que xestionar as citas de varios membros da súa familia.
A aplicación Cita Medico – Versión SERGAS está xa á venda por 1,79 euros, e permite almacenar as tarxetas sanitarias de varios membros da familia (axilizando considerablemente as xestións) conservando tal información en iCloud (evitando así a perda destes datos), serve principalmente para solicitar cita médica para o día e a hora que máis nos conveña, déixanos consultar, editar ou eliminar as nosas citas e, para completar esta funcionalidade, permite que as nosas citas poidan gardarse na axenda no noso dispositivo móbil co correspondente aviso para non esquecelas.
Esta aplicación é totalmente independente do SERGAS e da Xunta de Galicia, limitándose a axilizar o proceso de xestión de citas ao evitar que teñamos que introducir todos os números das nosas tarxetas sanitarias cada vez que queremos realizar unha operación, polo que é un claro caso de aplicación que xorde para solucionar unha problemática cotiá.

PUBLICIDADE