Non haberá un novo Assassin’s Creed en 2016

xoves, 11 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Ninguén dubida que a franquía de Assassin’s Creed é todo un éxito, que conseguiu callar nos últimos anos até o punto de que este ano teremos un filme baseado na mesma protagonizado por Michael Fassbender, pero curiosamente a película de pantalla grande non estará acompañada por un novo xogo da saga, xa que finalmente os responsables do xogo atenderon ás críticas e decidiron que o ano 2016 o deixarían para reflexionar sobre o que van facer con esta franquía, de xeito que confían en que unha futura entrega da saga que non só teña un bo acabado, senón que tamén poida innovar en xogabilidade e experiencia, conseguindo devolver a marca a onde merece.
Aínda que realizar unha entrega anual da saga xa provocaba bastante fatiga na mesma, foi o lanzamento de Assassin’s Creed Unity o que debilitou a franquía, xa que o xogo chegou con numerosos fallos en todas as súas versións, que tardaron meses en solucionarse, converténdose o título en causa de mofa, debilitando a confianza dos seareiros da saga de xeito que, ao saír á venda hai uns meses Assassin’s Creed Syndicate foi unha grande decepción en número de copias vendidas, pese a ser unha produción moito máis coidada que a anterior.
Queda así a incógnita do que acontecerá coa saga. Recuperará as historias de anteriores Assassins? Trasladarase a novos territorios? Pase o que pase, parece haber unanimidade nos xogadores máis fieis: mellor ter que agardar un ano máis que recibir un xogo decepcionante que erosione a franquía.

PUBLICIDADE