Non diremos adeus ao sobreprezo por roaming na Unión Europea até xuño de 2017

martes, 30 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A pasada madrugada a Comisión Europea, o Parlamento Europeo e o Consello de Europa acadaron un acordo sobre o roaming no que fixan en xuño de 2017 a data na que rematarán os sobrecustos da telefonía móbil en itinerancia dentro da Unión Europa; determinaranse límites de minutos, mensaxes de texto e datos para evitar os abusos (clientes que contratan unha liña noutro país para facer un uso permanente da mesma a un custo vantaxoso); e para ir adaptando o mercado á nova situación, en abril de 2016 baixarán os prezos do roaming de xeito que os operadores poderán sumar 5 céntimos/minuto ás chamadas que fagamos dende outro país da U.E., incrementar 2 céntimos as SMS e outros 5 céntimos cada MB de datos.

Protección da neutralidade de rede

O acordo tamén afecta á Internet, de xeito que a lei comunitaria entra no polémico principio de neutralidade de rede, que garantirá que o tráfico da Internet será tratado con igualdade, aínda que permitindo excepcións como medidas para manter unha rede segura (ou combater a pornografía infantil) e administrar as redes con eficiencia por parte dos provedores de servizo.
Recoñécese a posibilidade de que os provedores poidan ofrecer servizos especializados de maior calidade, como televisión a través da Internet e aplicacións innovadoras, que deberían achegarse sen afectar á calidade da Internet aberta. Queda por ver se este detalle rematará ameazando a neutralidade de rede e creando unha Internet a dúas velocidades en función do que pague o usuario (que é o perigo que procura evitarse, e que afectaría moi negativamente tanto a consumidores como a novas empresas).
Estas normas entrarán en vigor o 30 de abril de 2016 e buscan crear un marco legal común na Unión para facilitar que as empresas operen en distintos estados baixo as mesmas normas. Pese a que as institucións comunitarias aseguran que estamos ante as normas que máis protexen a Internet aberta en todo o mundo, hai moitas dúbidas en que iso sexa así, pois non se coñecen as medidas que se adoptarán ante as posibles infraccións.

PUBLICIDADE