Nokia vende os seus mapas a BMW, Audi e Daimier

luns, 3 de agosto do 2015 Marcus Fernández

A polémica relativa á mala calidade do servizo de mapas de Apple cando a compañía de Cupertino deixou de empregar os mapas de Google deixou clara a problemática de querer operar con certa independencia en servizos que precisan dun imporante volume de información actualizada, e un dos grandes activos que podían facilitar o uso de mapas lonxe das poutas de Google é sen dúbida Nokia HERE, servizo empregado nos últimos anos por Microsoft, e que vai mudar de mans, xa que a compañía finlandesa vén de pechar un acordo cun consorcio de fabricantes de automóbiles para venderlles tal división por 2.800 millóns de euros.
Audi, BMW e Daimler serían os fabricantes detrás de esta operación, que se concretaría no primeiro trimestre de 2016, atendendo ao cambio de estratexia de Nokia, compañía que está a buscar o sendeiro polo que camiñar despois de desprenderse da súa división de dispositivos móbiles.
Actualmente Nokia HERE ofrece servizos de mapas e navegación GPS a ordenadores e dispositivos móbiles con distintos sistemas operativos, que está a evolucionar para permitir funcións avanzadas baseadas na nube, que poderían permitir numerosas melloras con respecto ao seu comportamento en tempo real. Esta tecnoloxía podería aportar moito valor aos fabricantes xermanos que poderán mellorar considerablemente os sistemas de navegación dos seus vehículos.

PUBLICIDADE