Nokia amosa en Santander como nos vai cambiar a vida a tecnoloxía 5G

martes, 2 de setembro do 2014 Redacción

René Svendsen-Tune, vicepresidente de Nokia para España e Latinoamérica falando para as cámaras de Itweb.tv

Nokia vén de amosar as liñas xerais das súas vindeiras estratexias. E fíxoo este luns en Santander, no marco da edición número 28 do Telecoms Summit, onde reiterou “a súa atención ás tecnoloxías avanzadas e de banda larga móbil para facilitar as redes do futuro”. Dito doutro xeito, redobrouse en apostar polo fortalecemento dunha tecnoloxía que chamará ás nosas portas queirámolo ou non: a tecnoloxía 5G. Segundo informou o fabricante, estes recursos serán claves para afianzar unha nova orde de cousas que é innovadora en todo o senso da expresión. Ou sexa, que é nunca vista. A xuízo de Nokia, na vindeira década converxerán os dispositivos conectados en sistemas intelixentes con potencial para mellorar a vida en numerosos ámbitos.
Por exemplo, tempo e dispoñibilidade, transporte e consumo de recursos, aprendizaxe e traballo, saúde e benestar, etc. Deste xeito, seremos testemuñas de funcionalidades imprevistas por parte de obxectos de uso cotián. Que acordemos na cama grazas ao noso coche, conectado directamente co noso espertador para que avise do intre ideal para lanzármonos á estrada, será un tipo de escena do máis estendido, engadiu a compañía, para quen está claro que “as dimensións futuras da tecnoloxía precisarán un nivel de conectividade que sexa quen de xestionar un número inxente de dispositivos, así como o aumento exponencial continuo do tráfico de datos”.
Para Nokia, a tecnoloxía 5G incluirá os compoñentes e sistemas técnicos necesarios “para xestionar estes requisitos e superar as limitacións das tecnoloxías móbiles actuais”. Ao fío disto, e aproveitando a estadía dos profesionais de Nokia en Santander, a empresa deu a coñecer que a cidade cántabra será unha das primeiras beneficiadas da solución Things, unha tecnoloxía de sistemas 5G “para facilitar aplicacións esenciais e proporcionar a capacidade de adaptación necesaria en resposta ao desafío do tráfico”.
En palabras de René Svendsen-Tune, vicepresidente executivo de Nokia Networks para Europa e Latinoamérica, “como especialista mundial en banda ancha móbil, colaboramos activamente co sector e a contorna educativa para crear unha contorna 5G de alto rendemento que axude a responder os desafíos que expoñen as direccións de rede, como un tráfico 10.000 veces maior e latencia practicamente nula, e desenvolver a capacidade que facilite unha ampla gama de aplicacións de todo tipo”.
Tamén lembrou que a compañía xa levou a cabo proxectos de investigación 5G “de gran calado”, como a súa contribución ás iniciativas de asociación público-privada para 5G (5G PPP) e o proxecto METIS. 5G PPP é un proxecto de traballo para afianzar a normalización do devandito sistema e os compoñentes que se espera que se despreguen a partir de 2020.

PUBLICIDADE