Nintendo prepara varios xogos de Fire Emblem

xoves, 19 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Nintendo non só está a esforzarse en anunciar a súa nova consola doméstica, senón que tamén está a mimar a unha das súas franquías de máis éxito, Fire Emblem¸ que protagonizou un Nintendo Direct no que anunciaron que a popular serie de rol e estratexia ten varios xogos en desenvolvemento: un para dispositivos móbiles, 2 para Nintendo Switch e varios para Nintendo 3DS.
O xogo Fire Emblem Heroes será a chegada da saga a smartphones e tabletas, estando xa aberto o seu rexistro previo en Google Play, e será un xogo de rol de estratexia orixinal acerca de dous reinos en guerra. Como invocador o xogador construirá un exército invocando heroes de todos os mundos da serie. Os xogadores librarán combates tácticos optimizados para a experiencia móbil e subirán de nivel aos seus combatentes, mesturando novos guerreiros e heroes lendarios. Poderase atacar con arrastrar a un aliado até un inimigo, conseguindo a vitoria de derrotar a todos os inimigos dun mapa. Será un xogo para descargar de balde, contando con contido de pagamento e estando previsto que reciba actualizacións posteriores de balde incorporando novos personaxes e contidos para sumar horas de xogo. Está previsto o seu lanzamento para o 2 de febreiro.

Tráiler de Fire Emblem Heroes

Un xogo para Nintendo 3DS que sorprende bastante entre os anunciados é Fire Emblem Echoes: Shadows of Valentia, pois trátase dunha adaptación do segundo xogo da saga, Fire Emblem Gaiden, que en 1992 comercializouse unicamente no Xapón, polo que a partires do 19 de maio os incondicionais da franquía poderán recuperar esta historia clásica na súa consola portátil.
Tamén está previsto que o equipo que desenvolveu Hyrule Warriors dea o mesmo tratamento á franquía Fire Emblem, confirmándose que están a traballar nun musou da franquía, Fire Emblem Warriors, que chegaría as tendas no outono con versións para Nintendo Switch e New Nintendo 3DS.

Tráiler de Fire Emblem Warriors

Para pechar o círculo confirman que Fire Emblem terá unha nova entrega da serie (a primeira dende o lanzamento de Fire Emblem: Radiant Dawn para Wii en 2008) para Nintendo Switch, que non verá a luz até 2018.

Vídeo íntegro co Fire Emblem Direct publicado a pasada noite

PUBLICIDADE