Nintendo celebrará un New Reto 3DS dentro de ExpOtaku

mércores, 20 de maio do 2015 Marcus Fernández

Ante a renovación das consolas portátiles de Nintendo a compañía nipoa está a repetir a súa xira española para permitir que os usuarios poidan achegarse ás mesmas fisicamente para probalas, así como para participar en torneos e dinamizar así a comunidade que se desenvolve ao redor dos videoxogos para Wii U e Nintendo 3DS, sendo o encontro deste tipo máis próximo ExpOtaku, encontro de seareiros da banda deseñada e a animación xaponesas que durante tres días xuntará a centos de persoas no recinto de EXPOCoruña, onde será posible participar no New Reto 3DS.
Deste xeito, de venres a domingo será posible asistir a clases mestras de Pokémon, probar os últimos xogos do catálogo da Nintendo 3DS, participar en torneos con numerosos premios (consolas, xogos, camisetas e máis de 500 euros que poderán canxearse na Nintendo eShop) e, en definitiva, vivir a paixón dos videoxogos dentro dun evento presencial.

Entre os xogos dispoñibles Codename S.T.E.A.M., que só leva uns días á venda

Para poder participar nos torneos coruñeses será preciso inscribirse previamente, o que xa fixeron 169 persoas, quedando aínda prazas para todos os torneos aínda que con grande contraste no número de inscritos, xa que están a piques de rematarse as prazas da competición de Super Smash Bros. 3DS, mentres que o torneo de Codename S.T.E.A.M. só ten 3 inscritos, o que parece atender á novidade do xogo, xa que o título aínda saíu á venda o pasado venres, polo que é toda unha oportunidade poder baterse con outros xogadores no mesmo. Estes torneos premian ao gañador cun xogo de 3DS ou Wii U, unha camiseta e 15 puntos, o segundo clasificado recibe unha camiseta e 10 puntos e o terceiro 5 puntos.

Un total de 7 torneos para títulos de Nintendo 3DS desenvolveranse durante a celebración de ExpOtaku a vindeira fin de semana


Vídeo promocional do New Reto 3DS

PUBLICIDADE