Factura electrónica

Deputación de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Netflix supera os 20 millóns de subscriptores

xoves 27 de xaneiro do 2011, por Marcus Fernández | | Compartir | |

No debate suscitado na Rede sobre a chamada Lei Sinde non son poucos os que comentaban que en vez de aprobar prohibicións, resultaba máis axeitado potenciar alternativas legais ás descargas, como está a ser Spotify para a música e que coas series de televisión e o cine podería ser Netflix (con tarifas de 7,99 dólares/mes para un acceso ilimitado mediante streaming aos seus contidos nos EE.UU. e en Canadá). Segundo parece, o atractivo desta oferta audiovisual resulta innegable, e agora ratifícano os resultados de Netflix do último trimestre de 2010 (descargables en formato PDF), nos que a compañía chegou aos 20,01 millóns de subscritores (7,7 adquiridos no último ano, e 3,08 no último trimestre), uns ingresos de 596 millóns de dólares e uns beneficios por acción de 0,87 dólares.
En vista do éxito de Netflix en Norteamérica non sorprende que a compañía pretenda desembarcar en Europa en 2011, aínda que certos rumores apuntan a que España podería quedar fóra desta interesante iniciativa porque os dereitos de autor custarían aquí 2 ou 3 veces máis que nos países do contorno (segundo comentan na páxina web da Asociación de Internautas).
Cómpre destacar que o éxito de Netflix non está só no seu prezo e o seu inmenso catálogo de contidos, senón tamén na súa aposta multiplataforma, xa que os seus subscritores poden acceder ao servizo de vídeo mediante streaming dende o ordenador, en distintos dispositivos móbiles (coma o iPhone, o iPad e os terminais con Windows Phone 7), televisores con acceso a Internet de distintos fabricantes, reprodutores de Blu-ray conectados e incluso dende calquera das 3 consolas de videoxogos actuais, polo que resulta moi doado consumir os seus contidos no salón ou en mobilidade. Tamén están a traballar en integrar Netflix con Facebook e, posiblemente, facer compatible o servizo co Apple TV.
Pero este servizo non está ausente de problemas, pois as operadoras de telecomunicacións parecen querer recibir parte do pastel de Netflix, o que serve de exemplo da necesidade de que os organismos reguladores protexan a neutralidade de rede, para evitar que negocios lexítimos e interesantes non teñan atrancos para chegar ao seu público.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS