Netflix ofrecerá a secuela de Tigre y Dragón á vez que as salas cinematográficas

martes, 30 de setembro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos anos son moitos os casos de estreitamento das fiestras de explotación de producións cinematográficas, de xeito que se reducía a distancia entre a chegada dun filme aos cines e ao ámbito doméstico, con algunhas honrosas excepcións nas que as películas (principalmente independentes) chegan simultaneamente a plataformas de vídeo baixo demanda, e agora dende Netflix confirman que tamén favorecerán esta revolución, anunciando que a secuela de Tigre y Dragón chegará o mesmo día ao servizo de vídeo e aos cines.
Crouching Tiger, Hidden Dragon: The Green Legend sería a primeira película en estrearse dentro do acordo ao que Netflix chegou con varias produtoras cinematográficas para poder ofrecer as obras aos seus usuarios sen custo adicional, o que sería un importante incentivo para contratar o servizo. Deste xeito, cando o filme por Yuen Woo-ping chegue a cines IMAX o vindeiro 28 de agosto, tamén poderá gozarse dende a casa a través de Netflix.
Neste caso non parece que a oferta a través de Netflix vaia prexudicar comercialmente ao filme en salas cinematográficas, xa que en países nos que está agardado que teña mellor acollida (como China) o servizo de Netflix non estaría dispoñible, o que pode lembrarnos ao que acontece coas grandes series orixinais de Netflix, que a moitos mercados chegan igual que series de televisión tradicionais, xa que a presenza internacional de Netflix aínda é bastante discreta.

PUBLICIDADE