Nace un novo cluster para «responder á ameaza do libro electrónico»

martes, 19 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá unha presentación histórica no panorama cultural galego, coa constitución dun cluster que xunta as principais empresas editoras, distribuidoras e de venda do país nun proxecto que nace nun momento crítico tanto pola conxuntura económica actual como polos cambios que está a padecer o modelo de negocio tradicional.
O Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia quere favorecer a innovación empresarial, a formación e os proxectos conxuntos entre os seus participantes, así como actuar coma mediador coa Administración. Un dos principais retos deste ente será a reacción fronte ao libro electrónico, pois segundo explica o presidente do novo cluster, Alfonso García Sanmartín, «detrás da filosofía da creación está responder á ameaza do libro electrónico, que vén para ficar, aínda que a súa implantación vai ser moito máis lenta do que se augura», o que ilustrou comentando que «as editoras galegas que apostaron polo libro electrónico venderon nun ano uns trinta exemplares. Entón se a demanda é mínima, orientar as empresas de xeito masivo ao formato dixital sería suicida».
Resulta un tanto paradoxal que á vez que o Clúster da Edición, Librarías e Comercialización de Galicia busque a innovación defenda tamén «a estrutura actual do sistema de edición» apostando por «manter toda a cadea de valor no sector do libro» o que non parece viable a longo prazo, como demostraron outros sectores nos que a dixitalización supuxo un revulsivo importante, de xeito que aínda que a industria musical e cinematográfica seguen activas, negocios coma as tendas de discos ou os videoclubs padeceron unha impresionante caída de demanda, o que podería trasladarse á edición en poucos anos, polo que afrontar este futuro negando a realidade non parece unha boa estratexia.
Sanmartín explicou na súa intervención con Consello da Cultura Galega que este novo cluster chega en boa medida ante a incapacidade do Clúster do Produto Gráfico e do Libro Galego en abordar toda a problemática do sector, pois sinalan que tal colectivo céntranse nos problemas das artes gráficas e da publicidade, non correspondéndose coas «necesidades que pode ter o libro de texto e o libro en xeral».

PUBLICIDADE