Nace o programa TalentGalia para captar a novos invetigadores

martes, 21 de setembro do 2010 Raquel Noya

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, como representante do organismo encargado de velar pola investigación e o desenvolvemento das empresas da nosa Comunidade, vén de anunciar a creación do programa Talentgalia, dedicado a captar investigadores de primeiro nivel, coa finalidade, precisamente, de fortalecer o sistema da I+D+I galega. Este programa, que ten como principal obxectivo “captar talento” para nutrir os centros tecnolóxicos e de investigación do noso país, conta cun ornamento que supera os 12 millóns de euros, cos que o Goberno galego reitera o seu compromiso para acadar o desenvolvemento eficiente da I+D+i. TalentGalia, segundo informou Guerra, forma parte dunha estratexia de Goberno destinada á incorporación de investigadores de alto nivel de excelencia, no marco dun programa dirixido a incrementar o nivel da investigación e innovación en Galicia, “con profesionais que liderarán proxectos innovadores e de futuro”.
O conselleiro de Economía e Industria explicou que ao abeiro de TalentGalia desenvolverase un programa de contratos para a captación de investigadores senior por parte de 11 institucións de investigación do Sistema Galego de I+D+i, entre as que destacan as tres universidades galegas, o Centro Tecnolóxico Gradiant ou o CESGA, entre outras importantes entidades.
O proxecto estará en vigor durante o período 2011-2014 e será financiado cun orzamento de 12,28 millóns de euros, o que supón, segundo apuntou Guerra, “un verdadeiro esforzo orzamentario por parte da Consellería de Economía e Industria a favor da captación de talento para o desenvolvemento da innovación en Galicia”.
O principal obxectivo do programa é a selección e a captación dun total de 64 investigadores senior, dos cales o 70 por cento dos mesmos serán candidatos con alto grao de experiencia (máis de 10 anos), e o 30 por cento dos investigadores contarán con máis de 5 anos de experiencia.
Os 64 contratos ofertados desenvolveranse en concreto en 11 institucións de investigación do Sistema Galego de I+D+i: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Aimen (Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste), CTAG (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia), Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), Anfaco (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos), Cetpec (Centro Tecnolóxico da Pesca), EnergyLab, CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e Inibic (Instituto de Investigación Biomédica da Coruña).
Estas institucións participarán no proceso de captación, selección e integración dos investigadores e a súa implicación no proxecto inclúe a adquisición de compromisos que pasan por acompañar, tutelar, integrar e avaliar aos investigadores; ofrecerlles a formación complementaria que precisen; aproveitar o programa para a inserción de dinámicas de innovación eficaces nas súas organizacións e reter ao maior número de investigadores posible.

PUBLICIDADE