Nace en Galicia o primeiro servizo español de TPV móbil, firma dixital e factura electrónica

mércores, 30 de xullo do 2014 Redacción

As startups galegas de base tecnolóxica SetPay e Enxendra veñen de asinar un acordo de colaboración para ofrecer un servizo integral de cobramento con tarxeta vía móbil, firma dixital e factura electrónica. Ambas as dúas empresas decidiron dar este paso para ofrecer unha solución 100% española para a aceptación dixital de servizos (presupostos, albarás, contratos), pagamentos con TPV vía móbil e facturación, con todas as certificacións e facilidades para o vendedor. Polo momento, só estará dispoñible para clientes que o soliciten e terá unha adaptación ad hoc para cada compañía.
En palabras de Javi Vázquez, socio e responsable de Desenvolvemento de Negocio de SetPay, "supón un paso á fronte para engadir solucións de valor ao cobramento en mobilidade. Os pagos vía TPV móbil seguirán crecendo exponencialmente nos próximos meses, permitindo a moitos negocios facilitar aos seus clientes ventas con tarxeta de crédito". SetPay, con sede en Santiago de Compostela, é a primeira compañía 100% española en desenvolver un "mobile POST ". Conta co apoio do Banco Sabadell a través do seu programa de alto rendemento para empresas de nova creación, BStartup 10. Ademais, conseguiu ser finalista no certame internacional BBVA Open Talent 2013, segundo finalista no Premio Emprendedor XXI 2013 de La Caixa e catalogado como Mellor Iniciativa Empresarial polo Colexio de Enxeñeiros en Informática de Galicia (CPEIG).
Brais Méndez, co fundador de Enxendra, afirma que "temos que modernizar todo o proceso de cobramento. Ás veces a falta de dixitalización do proceso de aceptación de presupostos, firma de contratos e facturación complica o día a día das empresas. Unindo pagamentos móbiles e os nosos servizos, ofrecemos unha solución pioneira e necesaria". Enxendra, empresa especializada en solucións de facturación electrónica e firma dixital, con presenza na Coruña e Madrid, ofrece tanto servizos como signedoc.com, firmatuPDF ou hazteunafacturae.com, como proxectos ad hoc para grandes clientes.

PUBLICIDADE