Nace ProKubo, plataforma online gratuíta que fomenta a contratación de traballadores independentes

martes, 23 de xuño do 2015 Redacción

Os días pasados púxose en marcha no ámbito estatal unha plataforma en liña e de balde que se dirixe a facer unión entre traballadores independentes e pequenas e medianas empresas. Chámase ProKubo, e quere dar servizo, sobre todo, a profesionais freelance dos ámbitos da comunicación, a mercadotecnia, a creatividade e o deseño. Segundo lembran os responsábeis da plataforma con respecto á nosa terra, en Galicia existe un importante mercado potencial para a súa iniciativa: de feito hai unhas 200.000 persoas afiliadas no devandito réxime na nosa terra, aproximadamente o 7% do total estatal.
Os impulsores do servizo son Ricardo Marques, Hugo Ortiz e Tiago Coelho, cuxos obxectivos son “mellorar as oportunidades de emprego no sector independente, promover unha contratación baseada na calidade e garantir a seguridade nos pagos”. E engaden: “A través da plataforma, fornecemos ás PEME, sobre todo ás de recente creación, dos profesionais máis acaidos para dar forma a unha identidade corporativa axeitada ou para presentar produtos e servizos da mellor maneira posíbel”. ProKubo, neste senso, axiliza a contratación dese tipo de profesionais, “un amplo colectivo de expertos especializados que están en disposición de achegar os seus coñecementos a calquera empresa ou proxecto”.
ProKubo, engaden, “é unha comunidade de talento que nace para cubrir a necesidade que teñen miles de empresas, emprendedores e particulares, de atopar a bos profesionais do sector creativo para mellorar a visibilidade dos seus negocios”.
A plataforma é de uso gratuíto tanto para profesionais como para empresas. Os freelancers poderán crearse unha conta a través da que amosar as súas capacidades, carteira de servizos e opinións de clientes. ProKubo permite que as empresas visiten estes perfís, avalíen o seu traballo e elixan o profesional máis axeitado para o proxecto que necesiten levar a cabo. A través dun formulario, as empresas poderán establecer un orzamento ou fixar un prazo para o remate do traballo. “A plataforma”, explican os seus creadores, “actúa de intermediaria entre os dous desde o principio até o final do proxecto, exercendo como ferramenta de comunicación e intercambio de arquivos e garantindo a seguridade dos pagos”. Isto conséguese grazas ao sistema Safepay, mediante o cal a empresa que contrata os servizos dun profesional fai un depósito de garantía na conta de ProKubo polo importe do custe do proxecto antes do seu desenvolvemento. Unha vez que o traballo se entrega de acordo ao estipulado, céibase o depósito.

PUBLICIDADE