Mundos Dixitais despide a súa XV edición este sábado

venres, 15 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Durante a xornada do venres puidéronse coñecer detalles sobre a creación dos efectos especiais de Capitán América: Civil War

O festival Mundos Dixitais viviu unha concorrida xornada durante o día de hoxe, de xeito que os asistentes a este encontro profesional puideron beber da experiencia de figuras como o profesor Craig Caldwell (con experiencia en tecnoloxías 3D para Walt Disney Feature Animation), Carlos Fernández, Sergio León, Ignacio Lacosta, Dominik Zimmerle, Javier M. Pacín e Charly Puchol, o que permitiu achegas a grandes producións estreadas nos últimos meses (Capitán América: Civil War, Quantum Break, Independence Day: Contraataque) e que chegarán no futuro (como Gernika), aproveitándose tamén o encontro para unha concorrida participación na feira de emprego na que varias empresas participantes establecen comunicación cos asistentes máis novos para buscar novas pontes de comunicación de cara a futuras colaboracións profesionais.
As demostracións de unidades de realidade virtual HTC Vive tamén continuaron a bo ritmo, con impresionantes experiencias que dan a entender que estamos ante un ámbito de grande potencial, no que a creatividade será moi importante, como tamén é na ilustración dixital, que estaba presente a través dun concurso de debuxo nunha tableta gráfica Wacom, no que se convidaba a realizar debuxos de personaxes de animación para agasallar cunha tableta Wacom Intuos á mellor creación durante os días do encontro.

Xornada de peche

Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais, xunto a Daniel Martínez Lara, quen recibirá o Premio Especial do festival nesta edición

O sábado é o día no que a XV edición de Mundos Dixitais di adeus, e farao por todo o alto, tanto por varios relatorios de luxo, como por unha mesa redonda e a tradicional entrega de premios co máis salientado da presente edición. Os premios do Festival Internacional de Animación teñen como categorías Mellor Curtametraxe de Animación, Mellor Curtametraxe Nacional, Premio Nacional do Xurado e Premio Especial do Público. Nesta cerimonia Daniel Martínez Lara recibirá o Premio Especial Mundos Dixitais 2016 como un recoñecemento á súa labor docente e tamén á súa traxectoria profesional (na que non faltan premios como o Goya á Mellor Curtametraxe de Animación).
Como grande novidade desta edición do festival, celebrarase unha mesa redonda sobre New media, new Challenges, na que Manuel Meijide, Roberto Romero, Ximo Lizana e María Porto intercambiarán opinións sobre os cambios que está a vivir o sector e as oportunidades que abre a nova onda innovadora.
No que a relatorios se refire poderase ver a Julio del Río Hernández (MPC) contando os segredos da animación de EL Libro de la Selva (produción na que practicamente todos os contornos e personaxes están feitos dixitalmente; Jaime Maestro (Blue Dream Studios Spain) falará da súa actual produción, Animal Crackers, que tiveron que abordar á vez que creaban o seu estudio de animación; e Paul Giacoppo analizará a creación de varios personaxes da película de Warcraft. En definitiva, unha grande oportunidade para que os profesionais do sector poidan afondar en detalles de grandes producións e coñecer como outros compañeiros de profesión superaron retos que xorden no seu esixente traballo diario.

A feira de emprego dentro de Mundos Dixitais incrementou considerablemente a participación de empresas nesta edición
A feira de emprego de Mundos Dixitais facilita o contacto entre empresas e profesionais de cara a futuras colaboracións, demostrándose así a utilidade que teñen encontros deste tipo
A realidade virtual continúa a deixar aos usuarios abraiados, pese a estarmos ante profesionais do sector da creación dixital
Durante os tres días de Mundos Dixitais os asistentes puideron demostrar as súas dotes artísticas ante unha tableta dixitalizadora de Wacom

PUBLICIDADE