Mundos Dixitais acollerá unha conferencia sobre as oportunidades que xera a innovación audiovisual

xoves, 23 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Entre os días 14 e 16 de xullo desenvolverase en PALEXCO na Coruña a XV edición do Festival Internacional de Animación, Efectos Especiais, Videoxogos e Arquitectura Dixital Mundos Dixitais, que entre as súas actividades contará cunha conferencia titulada New media. New Challenges (novos medios, novos desafíos) que pretende explorar a nova vaga de innovación no sector audiovisual na que participarán salientables expertos e que estarán moderados por Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia (CPEIG).
Os relatores serán Manuel Meijide, director de ILUX Visual Technologies, con máis de 25 anos de experiencia en visualización 3D e novas intefaces, que tamén é director deste festival; Roberto Romero, co-fundador de Future Lighthouse, que dende 2013 traballa en proxectos para a nova realidade virtual; Ximo Lizana, co-fundador de Aqualium, especialistas en holografía, gamificación e marketing experiencial; e María Porto, tamén co-fundadora de Aqualium, con grande experiencia organizando exposicións en grandes museos internacionais que actualmente está a traballar nun novo proxecto centrado na comunicación non convencional empregando como base do desenvolvemento a arte e a tecnoloxía.
Esta actividade está patrocinada pola Escola Profesional de Novas Tecnoloxía (CICE), que durante máis de 30 anos formou a máis de 60.000 alumnos de máis de 30 países en deseño e tecnoloxía.

PUBLICIDADE