Múltiples entidades e empresas celebran este martes o Día da Internet Segura
luns 6 de febreiro do 2012, por |
Este martes 7 de febreiro celébrase unha xornada que nos toca de preto, o Día Internacional da Internet Segura, un evento multitudinario que se dirixe, como o seu propio nome indica, a fomentar unha Rede útil e da que podamos fiarnos tanto como se poda e, tamén, a estarmos preparados para cando non se poda. E todo atendendo a unha parte da nosa poboación en especial: a dos menores de idade. A celebración, que se desenvolve baixo o epígrafe Internet é algo máis que un xogo, é a túa vida, inclúe entre outras cousas un congreso que se presenta como a columna vertebral das actividades, dende Madrid, e unha manchea de accións de sensibilización a desenvolver dende tódolos recantos da xeografía española e de máis alá.
O evento vén da man da Comisión Europea e da súa Rede por Unha Internet Segura, INSAFE. En España conta co apoio do Centro de Seguridade de Internet, Protégeles. O Día da Internet Segura lévase a cabo en máis de 70 países de todo o mundo, e está dedicado a frear a fenda dixital “a través do diálogo e o traballo entre xeracións”. Entre as moitas entidades que pechan fileiras arredor desta xornada, a nivel español, atopamos á Policía Nacional, a Garda Civil, CEAPA, CONCAPA, o Observatorio de Contidos Televisivos Audiovisuais e empresas como Microsoft, Telefónica, Vodafone, Orange, Yoigo, Haboo, Optenet, MySpace, Tuenti ou Yahoo!.
Tamén conta co apoio de plataformas como Adiccións Dixitais, unha entidade que leva anos traballando por informar a pais, nais, adolescentes e nenos, dos riscos que pode achegar un acceso pouco racional á Internet.
Para facérmonos unha idea da importancia desta celebración para o noso país, sinálase dende estas e outras plataformas semellantes, cómpre ter en conta que a día de hoxe o 81% dos fogares galegos dispón de conexión a Internet, mentres que en toda España a cifra ascende ao 88,4%. A día de hoxe, engádese, temos máis de 122 mil nenos con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos dos que unha gran maioría xa están na Rede ou ten teléfono móbil (o 70,7%), aparello que en moitos casos tamén de conexión a Internet dende calquera lugar e intre. Estes datos proceden da máis recente enquisa sobre equipamento e emprego das TIC nos fogares elaborada polo Instituto Nacional de Estatística, correspondentes a 2011.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















