Mozos de Aguiño e Carreira deron conta da realidade do seu medio a través de cámaras dixitais e software libre

venres, 16 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Os pasados días desenvolveuse en dúas parroquias do concello de Ribeira unha máis que interesante iniciativa social encamiñada a promover as vantaxes e os bos usos das novas tecnoloxías da información entre a mocidade. A actividade, que se levou a cabo en Aguiño e máis en Carreira, tivo unha finalidade aínda máis específica: divulgar as funcionalidades das ditas ferramentas dixitais, e facendo fincapé nas libres, como canles para coñecer o medio que nos é propio. As accións, que se desenvolveron até esta quinta feira (xoves), agrupáronse no programa NarraTivas Dixitais, e contaron co apoio activo da Confraría de Aguiño e Carreira, a Asociación Sagres e a ANPA do IES Leliadoura.
Por certo que foi no salón do dito colectivo de mariñeiros onde se lle deu o primeiro acubillo ao proxecto, que segundo se nos conta en Vieiros comezou a andaina en Cairú (Brasil) enmarcado dentro de Ecoarte 2010.
A finalidade desta iniciativa é por de manifesto o moito que a Internet pode achegar ao proceso de coñecernos a nós mesmos e ao lugar onde vivimos, neste caso as localidades vinculadas ao mar, promovendo a comunicación entre os membros da comunidade, a expresión escrita e, ao mesmo tempo, o emprego razoable e sostible dos recursos que teñen ao seu alcance.
A actividade, que deu comezo cun obradoiro na Confraría dirixido a poñer en claro os temas a tratar polas rapazas e rapaces, desenvolveuse logo en experiencias concretas de descrición real do medio, co alumnado recollendo imaxes e achegando declaracións directas sobre a contorna. O produto deste traballo, que incluíu o fornecemento de todo tipo de material por parte dos organizadores (cámaras para filmar e software libre para dar forma ao filmado) foi unha serie de narracións dixitais que se proxectan no salón da Confraría.
NarraTIvas dixitais é unha iniciativa do Laboratorio del Procomún en colaboración con Medialab Prado, coordinado por Juan Freire e Karla Brunet.

PUBLICIDADE