Microsoft e Facebook unirán EE.UU. e España cun cable submarino

xoves, 26 de maio do 2016 Marcus Fernández

Microsoft e Facebook fixeron público hoxe o seu plan para construír MAREA, un novo cable subacuático que percorrerá o Océano Atlántico para atender á crecente demanda dos usuarios de conexións fiables e de alta velocidade aos servizos en liña de Microsoft, Facebook e os seus clientes, confiándose en que a construción deste cable submarino comece no mes de agosto de 2016 para estar rematado en outubro de 2017.
MAREA será o cable subacuático de maior capacidade do Atlántico, con 8 pares de fibra óptica para conseguir unha capacidade inicial de 160 Tbps a través dos seus 6.600 quilómetros, unindo así Virginia Beach con Bilbao, facilitando así a comunicación entre os EE.UU. e Europa, e precisamente ten unha ubicación diferente á doutras liñas submariñas para garantir unhas conexións máis fiables e resistentes entre os dous lados do Atlántico.
Con esta nova infraestrutura Microsoft e Facebook buscan reducir os custos e facilitar as actualizacións de equipamento que leven a un crecemento máis rápido do largo de banda segundo vaian evolucionando as tecnoloxías ópticas, atendendo así ás esixencias dos consumidores, que precisan dunhas conexións á nube áxiles, o que resulta crucial especialmente para os servizos na nube de Microsoft como Bing, Office 365, Skype, Xbox LIVE e Microsoft Azure.
Para a xestión de MAREA Microsoft e Facebook confiarán en Telxius, unha compañía de infraestruturas de telecomunicacións de Telefónica cunha longa experiencia en cables submarinos, que será o operador deste sistema e venderá a súa capacidade como parte do seu negocio de infraestrutura.

PUBLICIDADE