Microsoft confirma o seu compromiso co galego
martes 8 de abril do 2008, por | |
| Compartir |
Rosa García, presidenta de Microsoft Ibérica, sorprendeu aos asistentes á presentación da tradución ao galego de Windows Vista e Office 2007 dirixíndose a eles, nun primeiro momento, na nosa lingua.

- Rosa García, Pérez Touriño e Marisol López presentaron a tradución en galego de Windows Vista e Office 2007
Esta mañá no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela
formalizouse a chegada das traducións ao galego do sistema operativo Windows
Vista e da última versión do sistema ofimático de Microsoft (Office 2007). Este
acto tivo lugar no marco da xornada Novas ferramentas TIC en galego: mellora
da produtividade, contando coa participación de representantes dos organizadores
do evento (FSC, INEO e Microsoft Ibérica) así como doutras empresas
colaboradoras (Dell, HP e Investrónica). A Administración galega estivo
presente a través do presidente, Emilio Pérez Touriño, e da secretaria xeral de
Política Lingüística, Marisol López, quen manifestou que «as novas tecnoloxías son unha locomotora
para a lingua nos diferentes sectores»,
que permitirán avanzar na normalización do galego e que contribúen a abrir «novas oportunidades para
achegármonos a un mundo global desde a nosa singularidade e desde a nosa
creatividade».
Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño aproveitou a ocasión para facer unha
defensa do bilingüismo en Galicia e a súa normalización, para o que a Xunta
está a facer moitos esforzos na promoción do galego para que sexa «unha lingua forte, vigorosa
e con futuro» que permita
que «que todos
os cidadáns poidan ter a posibilidade de vivir en galego e que ningún cidadán
vexa minguado o exercicio dos seus dereitos lingüísticos».

- Microsoft permite descargar os paquetes de interface en galego dos seus produtos máis populares
Pero as empresas participantes na presentación tamén demostraron un alto
compromiso co galego, e os fabricantes Dell, HP e Inves se comprometeron a
distribuír equipos cos produtos de Microsoft traducidos ao galego
preinstalados, o que fai máis doada a integración das tecnoloxías na nosa fala.
Aínda que estes esforzos se fixeron notar especialmente na persoa da presidenta
de Microsoft Ibérica, Rosa García, quen comezou a súa intervención falando en
galego.
García destacou que co Windows Vista e o Office 2007 en galego Microsoft se
reafirma no seu compromiso coa lingua galega, que iniciara coa tradución do
Windows XP. Os usuarios que estean interesados na galeguización do seu sistema
informático xa poden descargar de balde os paquetes de tradución dende a web da campaña Faille un clic ao galego,
que achega os paquetes de inteface en galego para Windows
XP, Office
2003, Windows
Vista e Office
2007.
A campaña promocional durará ata o Día das Letras Galegas.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68















