Microsoft botaralle Morro ás ameazas á seguridade informática

mércores, 19 de novembro do 2008 Marcus Fernández

Windows Live OneCare desaparecerá paulatinamente de cara ao lanzamento de Morro

Para manter a seguridade informática e frear o espallamento do malware Microsoft anunciou que durante a segunda metede de 2009 vai publicar unha ferramenta que ofrece «protección contra o malware, incluíndo virus, software espía, rootkits e troianos» que se ofrecerá «sen cargo para os consumidores» e que estará pensado para consumir poucos recursos (sendo válida tanto para conexións de baixa velocidade como para equipos pouco potentes), o que se vería como un relevo de Windows Live OneCare, servizo que cesará o 30 de xuño de 2009.
O novo produto, coñecido polo nome chave Morro (que agardamos que non será o nome final, ante a confusión e burla que crearía entre o público hispano) estaría dirixido aos mercados emerxentes e aos novos equipos, que normalmente son os máis vulnerables ao malware, aínda que os profesionais da seguridade informática ven nesta iniciativa unha práctica anti-competitiva, aínda que dende Microsoft precisan que Morro só «subministrará as proteccións esenciais», ou sexa, que sería un produto básico que beneficiaría á seguridade global da Internet, e non debería entenderse como unha suplantación de ferramentas avanzadas.
Morro estará dispoñible coma descarga independente para Windows XP, Vista e 7.

PUBLICIDADE