Microsoft anunciará a nova Xbox o 21 de maio

mércores, 24 de abril do 2013 Marcus Fernández

Despois de que Sony anunciase en febreiro o que sería a súa PlayStation 4 (sen amosar a aparencia externa da consola e sen agardar á celebración do E3) disparou os rumores sobre unha presentación semellante por parte de Microsoft, e finalmente confirmouse tal evento, que terá lugar no campus Xbox en Redmond o vindeiro 21 de maio ás 10:00 horas (19:00 horas en España) e que poderase seguir en directo a través da Internet.
Baixo a etiqueta de #XboxReveal queren deixar claro que van a amosar o que será a sucesora da Xbox 360, adiantando que está só será unha primeira achega á nova plataforma de xogo, pois este evento é só 19 días antes do comezo da feira E3 de Los Angeles, na que continuarán a amosar detalles sobre o que ofrecerá a nova consola que presumiblemente chegará ás tendas a tempo para o Nadal.
As informacións que están a circular pola Rede apuntan a que Microsoft podería seguir certa liña continuista coa nova consola, apostando por unha arquitectura x86, pero mellorando a potencia tanto da consola como do sensor Kinect (que desta volta podería ser unha prestación básica). Sorprende máis a posibilidade de que a nova consola poida integrar lector de Blu-ray (pois Microsoft foi a compañía que inicialmente apoiou o formato HD DVD) e o feito de que a consola vaia ter moitas funcións destinadas a convertela nun centro multimedia tamén xerou rumores apuntando a que podería existir un modelo reducido da Xbox que non contaría con hardware avanzado, pero permitiría acceder a numerosos servizos en liña (como vídeo á carta e o acceso a xogos de Xbox LIVE de Xbox 360). Sexa como fose, en menos dun mes sairemos de dúbidas e coñeceremos o que nos deparará no futuro unha plataforma que na actual xeración demostrou ser a máis innovadora.

PUBLICIDADE