SICON

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Microsoft anima ás empresas galegas do sector TIC a facer mercado fóra

martes 23 de novembro do 2010, por Redacción | | Compartir | |

JPEG - 47.7 KB
Carlos de la Iglesia, director de Desenvolvemento Corporativo de Microsoft Ibérica

A empresa galega Audicon, tal e como dixemos onte nesta web, contou co apoio da firma Microsoft para dar a coñecer en Compostela a súa plataforma PLASAE, dirixida a achegar servizos en liña que axuden ás pemes a incrementar a súas liñas de negocio e a súa produtividade. En Código Cero, logo da presentación de PLASAE, tivemos ocasión de falar con Carlos de la Iglesia, director de Desenvolvemento Corporativo de Microsoft Ibérica, quen ademais de enumerar as razóns do interese da súa compañía por unha ferramenta posta en marcha dende Compostela, elaborou un breve diagnóstico do estado de saúde do noso tecido TIC. Ao seu xuízo, estamos no que se podería denominar unha situación de medre potencial, con grandes profesionais e firmas das redes, dos servizos en liña, de software ou de equipos, pero sen un escenario amplo de abondo para facelo. Ou sexa, que nos fai falta mercado. Solución: buscalo fóra.
-Que move a Microsoft a estar hoxe en Santiago apoiando a Audicon e á súa ferramenta PLASAE? É que PLASAE cobre un oco que lle faltaba a Microsoft?
-Ben, nós en realidade xa temos plataformas deste tipo. O problema é que as pequenas e medianas empresas estaban desatendidas. Neste senso concreto, e na súa eficacia e accesibilidade, PLASAE é un recurso único no mundo. Cómpre ter en conta que nos eidos produtivos galego, español e internacional, o común das firmas de tamaño miúdo non teñen nin idea de cómo afondar unha xestión activa do software. PLASAE faino por elas, ceibándoas da adquisición de máis equipos e programas e cunha serie de beneficios a ter en conta. Por exemplo, libéraas de todos aqueles recursos que non usan ou ben que non precisan, malia estar pagando por eles.
-Audicon, na presentación da plataforma galega da que estamos a falar, identificou en varias ocasións as ferramentas de Microsoft cos postos que nos informes de PLASAE se soen dedicar á produtividade. Mesmo chegouse a dicir que os contornos máis rendibles adoitan a coincidir con produtos da multinacional que vostede representa…
-Coido que non hai ferramentas boas ou malas, per se. O que si que hai é ferramentas ao servizo dun traballador concreto máis axustadas ao seu perfil ca outras. Pode acontecer que unha persoa empregue unha ferramenta de Microsoft e non teña porqué. O feito de que tires moito partido do noso Word non quere dicir que sexas produtivo. De que lles serve a determinados oficios? A un arquitecto de que lle pode servir usalo moito? Creo que de pouco.
-Falou vostede na presentación de PLASAE de que estamos perante un exemplo claro de computación na nube, e de que cara a iso se dirixe tamén Microsoft. Canto de grande é a aposta da multinacional de Windows pola nube?
-A aposta é total. Estamos migrando cara aí todo o noso modelo de negocio, aínda que iso si, de maneira progresiva. Cada vez haberá máis cousas en liña e cada vez se verá como se consume máis na nube. Por outra banda, este é o intre xusto para subírmonos todos a ela.
-A isto contribúe a crise económica?
-Por suposto. A nube permite abaratamento de custes, de equipamento, de software, etc. Posibilita tamén máis flexibilidade, máis medre e máis rapidez no servizo. Podemos traballar, agora si, dende calquera recanto do mundo con tal de ter conexión. No eido da empresa, non se precisa ademais ampliar servidores. Asemade, axústase máis e mellor á demanda, permite facer máis e mellores prognósticos do que lle vai acontecer á empresa na que traballas e ás demais. Báixanse, como dixen, os custes. Cómpre ter en conta que as compañías non queren gastos fixos, senón variables. Isto aféctalle a longo prazo a todo o que provén de Microsoft. Con todo, cómpre lembrar que esta empresa xa leva tempo apostando por este modelo de negocio. Xbox Live é un servizo en liña que adianta unha boa parte desta metodoloxía. O Windows Update, iso que usa tanta xente e sen apenas decatarse, abríndolles a porta a actualizacións automáticas de software, é un servizo na nube. E o mesmo podemos dicir dun dos nosos recursos máis espallados: o Hotmail.
-Que pasa con Galiza? Como ve vostede as nosas posibilidades de competir e medrar na Sociedade da Información?
-Esta comunidade é para nós un eido importante de actividade. Cómpre lembrar que o 5% dos nosos socios a nivel estatal está emprazado aquí. Temos un amplo historial de colaboración con esta terra, e hai bos exemplos de impulso innovador, pero para sermos sinceros falta algo de mercado. Para que se me entenda, coido que o mercado galego non está a medrar ao ritmo que debera medrar. Hai máis capacidade de crecer que sitio onde facelo. Isto, en realidade, non ten porqué ser negativo, en certa maneira porque nos obriga a ollar cara a fóra, que é algo ao que en definitiva estamos abocados.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS