Melloran considerablemente as vendas dos equipos Surface

venres, 24 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Microsoft está a dar contas estes días dos seus resultados financeiros para o primeiro trimestre fiscal do ano 2015 (que remata o 30 de setembro) e, pese a ter que facer fronte á adquisición de Nokia e aos gastos derivados da súa reestruturación, a compañía parece conseguir uns resultados bastante favorables, cuns ingresos de 23.201 millóns de dólares que demostran a fortaleza da compañía.
Varios son os detalles que están a conseguir que Microsoft acade unha boa saúde financeira, como que o número de subscritores da versión doméstica e persoal de Office 365 superou os 7 millóns; o Surface Pro 3 está tendo unha acollida impresionante, facendo que a división que produce estes equipos arroxe por fin números negros e producindo uns ingresos de 908 millóns de dólares; conseguiron vende 2,4 millóns de consolas; e incluso a división de fabricación de teléfonos conseguiu facturar 2.609 millóns de dólares.
É realmente esperanzador o funcionamento do Surface Pro 3, demostrando que foi un acerto apostar por un maior tamaño de pantalla (cancelando o lanzamento dun posible Surface Mini), xa que esta división conseguiu experimentar un crecemento de vendas dun 127%, de xeito que esta división podería conseguirse nunha das máis fortes da compañía de Redmond.
Sobre a división de smartphones temos que Microsoft conseguiu vender 9,3 millóns de terminais Lumia, o que supón un incremento interanual do 5,6%, polo que parece evidente que precisan dar un maior pulo a estes produtos dos que veñen de confirmar un cambio de marca, de xeito que xa non falaremos de Nokia Lumia, senón de Microsoft Lumia, introducíndose o logotipo de Microsoft en futuros terminais, e mantendo o selo Lumia para conservar a identidade destes produtos que poderían gañar moito atractivo dentro dun ano, cando vexa a luz Windows 10, por ser un sistema operativo que chegará á vez a ordenadores, tabletas e móbiles.
Microsoft manterá a marca Nokia para teléfonos que non sexan smartphones, poida conta coa licenza de Nokia para tal fin.

PUBLICIDADE