Melide estrea portal turístico

mércores, 16 de abril do 2014 Redacción

Nos tempos que corren, estar ou non estar presente na Rede é algo decisivo: existir ou non existir para a comunidade internauta, un campo de acción que cada vez abrangue máis terreo. E tomando boa nota disto, onte presentábase o novo portal turístico de Melide que o concelleiro de Promoción Económica e Turismo -Santos López- presentaba a xeito de proxecto innovador tirando proveito dos últimos avances dixitais para achegar os recursos locais do sector ao visitante, que se achega ao concello coruñés principalmente a través do Camiño de Santiago. A plataforma, xa operativa a través de turismomelide.com, ofrece información en tres idiomas -galego, castelán e inglés- e está dispoñíbel a través de códigos QR para facer máis doado o acceso con teléfonos móbiles e tablets.
Os códigos situáronse nun lugar visíbel en espazos definitorios do centro urbano como a monumental praza do Convento ou nas propias rutas.
Na páxina web de Melide, achégase todo o que o peregrino poida precisar: onde comer e durmir, teléfonos de urxencias, servizos de transporte, etc. A plataforma, vinculada ás principais redes sociais, tamén botou man da técnica fotográfica en 360 graos para incorporar visitas virtuais aos espazos máis representativos do patrimonio artístico. Os lugares de interese turístico atópanse xeolocalizados ou, o que é o mesmo, situados xeograficamente nos mapas virtuais. Subliñar que neste intre son xa 60 os establecementos 60 xeolocalizados, aínda que a cifra vai en aumento, pois xa se agarda que se superen o centenar posto que a localización virtual que se lles ofrece sitúaos na Rede independentemente de que o internauta acceda á plataforma de promoción turística.

PUBLICIDADE