Megaupload denuncia a France Telécom de limitar a velocidade de acceso ao seu servizo
luns 17 de xaneiro do 2011, por |
Cada
poucos meses en distintos foros web emerxen discusións acusando a provedores de
servizo de Internet de limitar a velocidade a certas páxinas web de descarga
ou a aplicacións de intercambio de arquivos, e aínda que os usuarios ilustran
as súas acusacións con multitude de probas (como a
que asegura que Movistar capa as
descargas dende Megaupload), os ISP continúan a negar que limiten as súas
conexións (posiblemente para evitar a fuxida de clientes) pero o popular
servizo de almacenamento de arquivos Megaupload vén de escribir un novo
capítulo nesta historia ao acusar
dende a súa web a Orange deste tipo de prácticas.
Cando un usuario de Orange en Francia accede a Megaupload/Megavideo atopa unha
mensaxe na que aseguran que no caso de atopar problemas na conexión, podería
ser debido a que o seu acceso está a ser limitado intencionadamente, engadindo
que segundo as súas estatísticas rexistran problemas de acceso por parte de
usuarios que se conectan a través da rede de France Telécom (o que incluiría
tanto a Orange como á española Ya.com). Dende Megaupload recomendan aos
afectados a presionar á compañía
ameazando con abandonala de non remediarse a situación, e incluso aseguran que
competidores coma Iliad (free.fr e Alice)
ou SFR dan un servizo sen limitacións, polo que cambiando de operador de
Internet soluciónase o problema de vez.
Dende
France Telecom declaran estar «moi sorprendidos»
polas acusacións de Megaupload, pero nunha entrevista a Bonnie Lam, voceiro
de Megaupload, France Telécom, asegura que o
operador francés ten unha infraestrutura deficiente, que non é capaz de
garantir unha boa conexión co seu provedor de servizo, Cogent, que xestiona o
20% do tráfico da Internet, de xeito que os problemas de acceso que tería
Megaupload afectarían a preto da quinta parte da web.
O caso francés está especialmente de actualidade porque dende a entrada en
vigor da lei HADOPI, que permite o corte da conexión aos usuarios que
descarguen contidos protexidos por dereitos de autor sen a pertinente autorización,
disparouse o tráfico das páxinas web de descarga
directa, como un método de pasar por debaixo do radar dos organismos que
vixían o intercambio de arquivos na Rede.
Lembremos que os servizos coma Megaupload e Rapidshare están considerados
totalmente legais (como vén
de ratificarse nos EE.UU.) pois teñen mecanismos para a eliminación de
contidos protexidos por dereitos de autor coma tamén fai YouTube, e incluso consideran
difamatorio que os acusen de promover a piratería.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















