Medran considerablemente as conexións que superan os 20 Mbps en España
xoves 22 de setembro do 2011, por |
Actualmente en España, malia que podemos presumir de ser boísimos xogando ao tenis, de ser os mellores do mundo niso que chamamos fútbol ou de estar entre os primeiros encestando o balón nunha canastra, o certo é que estamos á cola dos países desenvolvidos en materia tecnolóxica, pagando moito por servizos mediocres e estando atados de mans cando as grandes compañías nos “estafan” sutilmente de xeito legal.
E é que, tal e como explican maxistralmente no diario dixital Cincodias.com, “hai dous parámetros que delimitan claramente unha e outra vez a fenda tecnolóxica que separa a España da maioría dos países subdesenvolvidos: os prezos e as velocidades de navegación”; os prezos son por norma xeral abusivos, e de feito o noso é o país cos prezos máis altos de Europa, e as velocidades de navegación son máis lentas que o que deberían tendo en conta o prezo que pagamos polo servizo.
Porén as cousas están a mudar paseniñamente, e pouco a pouco a situación semella estar mellorando, xa que segundo o último informe da Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) sobre o sector no segundo trimestre do ano, o número de internautas que navega a velocidades superiores aos 20 Mbps, por primeira vez, ao medio millón; e os prezos da telefonía baixaron ata situarse en mínimos históricos.
Tanto é así que, segundo o informe, na factura do móbil neste trimestre pagamos de media un 10, 85 por cento menos que hai un ano, e un 3,5 menos que no primeiro trimestre deste exercicio, algo propiciado, entre outras cousas, pola aparición de novos operadores móbiles virtuais e a caída xeral de prezos.
No tocante aos prezos polo servizo de Internet, teremos que agardar unhas semanas para que a CMT os faga públicos, porén podemos contentarnos con saber, entrementres, que as velocidades do servizo van subindo de xeito paulatino, e así, mentres que hai un ano só 35.000 persoas tiñan un acceso superior aos 20 Mbps, o informe indica que neste trimestre xa son 561.582 os cidadáns que poden gozar de velocidades superiores a esa cifra sen ter que ir ao estranxeiro.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















