MeLiSA leva á rapazada galega as vantaxes do software libre a través dunha peza teatral interactiva
mércores, 26 de decembro do 2012
A Asociación de Usuarios
de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) está levando a cabo
unha
actividade xeral de divulgación das vantaxes e usos dos programas
abertos en varios colexios galegos de Educación Primaria. O dito
programa de accións está enmarcado dentro do convenio asinado coa
Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento
Tecnolóxico de Galicia, e do cal MeLiSA se leva executado un total
de cinco actuacións nas catro provincias galegas. Máis polo miúdo,
trátase dunha representación teatral, interactiva, desenvolvida e
disposta para que a mensaxe chegue o mellor posíbel á nosa
cativada: a mensaxe de que o software libre é unha porta de acceso
de primeira orde á comunicación, á información e mesmo ao futuro
eido empresarial.
A peza artística en
cuestión está formada por un prólogo e tres actos. Segundo nos
contan dende MeLiSA, aquela “execútase de xeito
dinámico, caracterizado a xeito de palabras, ilustracións e sons,
co público infantil completando a posta
en escena coa súa interacción a través das cancións”. O
resultado de todo isto é un espectáculo de diferentes medios e
linguaxes que ten unha duración aproximada de 50 minutos.
O obxectivo, como dixemos, é o de achegar o
concepto do software libre a través dunha actividade próxima ás
nenas e nenos desas idades. A obra xira arredor dunha persecución
entre unha gatiña e o Conde Rato, o cal recibe unha mensaxe
da súa namorada, a ratiña Melisa, que non dá lido por estar
gardada en formato privativo. Nese intre é cando aparece Mr. Free
para resolver o problema grazas ao uso de programas libres. O
pingüín Mr. Free é unha referencia evidente á mascota do
Linux, Tux. A obra é creación de Juan Carlos Vázquez, as
ilustracións son obra de Iria Parras, e na execución participan
José Manuel Canosa (contrabaixo), Intres Fotografía, na fotografía
e vídeo, e Juan López Quintás e Jorge Lama como colaboradores. A
coordinación corre a cargo do presidente de MeLiSA, Rafael Rodríguez
Gaioso.