Marvel ofrece de balde 700 números 1 das súas coleccións de comics en formato dixital

luns, 11 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Co gallo da feira South by Southwest (SXSW) en Austin (Texas) e despois de estrear a aplicación móbil Marvel Unlimited, a editorial de comics norteamericana que publica as aventuras de Spider-Man, Hulk, Thor, Iron Man e moitos outros quixo volver a centrar a atención na venda de exemplares soltos en formato dixital, o que decidiu facer ofrecendo ata mañá 700 dos seus comics totalmente de balde, entre os que figuran moitos dos exemplares máis vendidos dos últimos anos, xa que esta promoción afecta aos números 1 de boa parte das colección dispoñibles en formato dixital.
O responsable de vendas de Marvel, David Gabriel, asegura que estamos ante “o xeito perfecto de amosar a todos o que cremos no noso material” agardando que “unha vez que empecen non poderán parar”. Estamos así ante un método excelente de dar a coñecer tanto series en curso como pechadas, que poden animar a moitos lectores á súa lectura íntegra grazas a poder facerse coa súa primeira entrega de balde.
Esta promoción tamén permite que moitos lectores poidan ver a primeira aparición de moitos personaxes míticos, ou o nacemento de grandes sagas e fenómenos ao redor dos personaxes da Marvel e dos seus creadores máis destacados.
Estamos ante o que podería considerarse como a campaña máis potente vista ata o momento para atraer a lectores ao medio, cunha cantidade de contidos que ningunha outra compañía ofreceu de balde para dar a coñecer o seu catálogo.
ACTUALIZACIÓN: A demanda desto servizo de distribución dixital de comics de ComiXology foi tan elevada por mor da oferta de Marvel que os seus servidores non foron capaces de soportar a carga, e non operaron axeitadamente durante a xornada de hoxe, polo que activaron unha sección na súa páxina web para que os usuarios interesados na promoción indiquen o seu enderezo de e-mail, e así reciban un aviso cando o servizo volva a operar axeitadamente.

PUBLICIDADE