Mañá ábrese o prazo de inscrición na Feira de emprego virtual da UDC

luns, 22 de novembro do 2010 Raquel Noya

A Universidade da Coruña, a fin de crear un punto de encontro no que as persoas con titulación universitaria poidan iniciar unha relación laboral con distintas empresas nacionais e internacionais, vai celebrar, do 24 de novembro ao 5 de decembro, a III Feira Europea de Emprego, un foro que este ano, a diferencia doutras edicións, será de carácter virtual, cara a tecnoloxía da rede 2.0.
Deste xeito a UDC permitiralle ás persoas interesadas participar activamente a través de internet, con visitas aos stands virtuais, acceso a prácticas e ofertas de emprego, envío de curriculum ou busca de información sobre os perfís profesionais máis demandados polas empresas que participan. Baixo o lema Conéctate, interactúa, o principal obxectivo desta nova orientación da feira é poñer a disposición dos estudantes e dos titulados da UDC todas as ferramentas que ofrecen as novas tecnoloxías na busca de emprego.
Para poder conectarse a esta feira e acceder así ás vantaxes que ofrece, é necesario rexistrarse na páxina web oficial a partir de mañá martes, día 23 de novembro. Dese xeito, as persoas inscritas poderán aproveitar utilidades como a descarga de arquivos con temas do seu interese ou o acceso ás presentacións corporativas das empresas.
A inauguración da Feira terá lugar o vindeiro mércores, 24 de novembro, ás 9.30 horas na Facultade de Socioloxía. A continuación terá lugar a conferencia inaugural, a cargo do consultor e executivo Emilio Duró Palmes, que ofrecerá unha charla sobre a xestión da ilusión e o coeficiente de optimismo en épocas de cambio. A xornada continuará ás 13.15 horas cunha mesa redonda sobre emprendemento e innovación, na que participarán representantes de Bilega, Bioemprende, Grupo Eymosa / Ventogal e o Igape.
A parte de servir para promover a relación entre a universidade, as empresas e as institucións relacionadas co emprego no marco dunha dimensión europea de mercado e mobilidade laboral, este foro servirá para facilitar a procura de emprego e a inserción no mercado laboral dos estudantes, ao tempo que informa sobre as necesidades futuras de formación e as tendencias do mercado laboral, entre outras cousas.

PUBLICIDADE