Máis de 20 expertos amosarán en Organización 2.0 as opcións de medre empresarial que achegan as redes sociais

xoves, 17 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

Como avanzamos os días pasados, os nosos profesionais que traballen en Internet e nas redes sociais, á procura de novos xeitos de contactar co cliente sen que este fuxa escorrentado, teñen unha cita ineludíbel o vindeiro martes 22 de outubro, nas instalacións do Consorcio da Zona Franca de Vigo. Falamos de Organización 2.0, un evento organizado polas firmas galegas Comasis e Inova e que vai ser inaugurado oficialmente pola delegada do Estado para o dito Consorcio, Teresa Pedrosa. Segundo nos fan saber os organizadores, estamos ante unha xuntanza de primeira orde para todas aquelas organizacións interesadas en mellorar a súa produtividade e eficiencia a través da tecnoloxía 2.0. Para que non quede asunto sen tratar, contarase coa presenza de máis de 20 relatores internacionais que explicarán como as ferramentas colaborativas poden mellorar a produtividade e eficiencia.
Até o de agora, máis de 100 empresarios e directivos de diversas entidades xa confirmaron a súa asistencia, aínda que os interesados aínda están a tempo de formalizar a súa inscrición na web do evento. “O congreso Organización 2.0”, informa a Zona Franca, “está chamado a ser o gran acto galego sobre tecnoloxía social no 2013, xuntando ao empresariado máis representativo de Galicia e cunha clara orientación práctica para que os asistentes poidan explorar de primeira man as múltiples posibilidades coas que as solucións 2.0 poden contribuír a un desenvolvemento máis produtivo das organizacións”.
Como dixemos, o congreso comezará ás 9:00 co acto de inauguración a cargo da delegada do Estado para o Consorcio da Zona Franca, Teresa Pedrosa Silva. A continuación empezarán os diversos relatorios que está previsto que rematen ás 14:15, aproximadamente. Durante a mañá os expertos abordarán a temática das 2.0 relacionándoa coa produtividade, a intelixencia colectiva e a análise da xestión de información. Logo do xantar, entre as 16:00 e as 18:00, a conferencia continuará cun módulo no que se tratará a aplicación destas ferramentas en I+D+i e educación e formación.
A listaxe de relatores confórmana Alejandro Vázquez, Luis Calvo, David Silva, Xavier Orozco, Alberto Casal, Tamara Blanco, Ana Neves, José Gil de Bernabé, Antonio Soto, Carlos Latourrette, Patricia García, Mario Cernadas, José Manuel Castro, Natalia Rodríguez, Carlos López Ardao, Nerea Míguez, Jesús Ruiz e Diego Gómez.

PUBLICIDADE