Máis de 130 proxectos presentáronse ao centro galego de crowdworking de Telefónica

xoves, 31 de xullo do 2014 Redacción

Finalmente temos cifras do nivel de participación na iniciativa Galicia Open Future (GOF), o proxecto impulsado por Telefónica e AMTEGA para dar forma a un centro de crowdworking de novas empresas TIC emprazado na Cidade da Cultura de Santiago. Como lembraremos, Galicia Open Future é sen dúbida a gran iniciativa galega de Telefónica en 2014, unha palestra de proxectos tecnolóxico-dixitais que permitirá aos seus integrantes traballar libremente cos profesionais que estean máis preto (na propia aceleradora) pero tamén con xente afín a milleiros de quilómetros de distancia. Galicia Open Future, unha iniciativa inserida no Pacto Dixital asinado entre unha ducia de empresas (entre as que se conta Telefónica) e AMTEGA, rematou o 15 de xuño o prazo para o envío de achegas. En total, presentáronse máis de 130 proxectos á súa primeira convocatoria.
Segundo nos lembra Telefónica, Galicia Open Future comezará a súa andaina, oficialmente, o vindeiro mes de setembro. Dos máis de 130 proxectos seleccionáronse 50, que é a cifra prevista para o arrinque desta primeira edición. A maioría procede de Vigo e A Coruña, seguidas de Santiago de Compostela, e presentan diferentes graos de maduración (idea, prototipo, piloto, lanzamento, comercialización). Céntranse en sectores como o tecnolóxico aplicados a distintos ámbitos (marítimo-pesqueiro, agricultura, enerxía), Cidades Intelixentes, lecer, cultura, saúde, educación e turismo, e algúns xurdiron en universidades e centros tecnolóxicos de Galicia. Telefónica salienta tamén a presenza de proxectos de dixitalización, comercio electrónico e aplicacións móbiles.
Segundo informa a operadora, “os emprendedores seleccionados recibirán asesoramento para que o seu proxecto gañe visibilidade, acceso a colaboradores que axuden a que as iniciativas evolucionen e as ferramentas para validar o funcionamento dos seus proxectos con clientes reais”. Poderán traballar na sede de Galicia Open Future, situada no edificio Gaiás de Santiago de Compostela, e tamén a través da plataforma web (openfuture.org). O período da estancia será de seis meses, ampliábeis a un máximo dun ano.
Telefónica tamén destaca que os 50 seleccionados recibirán unha axuda, achegada pola Axencia Galega de Innovación, de 2.000 euros. Unha vez superada a primeira fase, os proxectos xa evolucionados poderán optar a outra achega de 25.000 euros, que deberá destinarse ao desenvolvemento do propio proxecto. Ademais, os proxectos que consigan esta segunda axuda poderán ter a posibilidade de acceder a un préstamo reembolsable doutros 25.000 euros. “Ademais da formación e o financiamento”, lembran os responsábeis de Galicia Open Future, “os emprendedores elixidos poderán compartir experiencias con todos os emprendedores da rede Open Future de Telefónica a través do portal openfuture.org, que conecta entre si os espazos de crowdworking que, como no caso de Galicia, está a pór en marcha a compañía”. Ademais, o equipo de GOF axudará aos emprendedores a identificar fontes de financiamento e facilitará os contactos con fondos especializados en startups tecnolóxicas, como os que integran a rede Amérigo creada por Telefónica.

PUBLICIDADE