MSI competirá co MacBook Air

mércores, 7 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Apple lanzou o portátil MacBook Air buscando a portabilidade e a elegancia, e esta idea vén de ser reciclada por MSI, que vén de anunciar o que parece ser un dos seus ultraportátiles de baixo custo (o MSI Wind é un dos equipos máis populares do mercado, no que curiosamente é posible instalar Mac OS X) disfrazado do emblemático portátil de Apple.
O MSI X-Slim 320 terá unha pantalla de 13,4 polgadas (o que o afastaría da categoría de ultraportátiles) cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles), procesador Intel Atom, 2 Gb de RAM, 3 portos USB, alta conectividade (Wi-Fi compatible con IEEE 802.11n, Bluetooth e HSDPA) e a batería de 4 ou 8 celas (o que daría unha autonomía de ata 10 horas, no último caso).
Pese a que o procesador deste equipo é un tanto limitado (detalle que parece compensado pola súa autonomía), este equipo que se venderá no segundo trimestre de 2009 por uns 800 dólares, polo que temos un equipo que externamente é moi semellante ao MacBook Air (o seu grosor é de entre 6 e 19,8 milímetros, e o seu peso de só 1,3 quilos) por menos da metade de prezo.

PUBLICIDADE