MEGA quere competir con Skype

xoves, 22 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

MEGA, o popular servizo de almacenamento na nube fundado por Kim Dotcom como sucesor de Megaupload, está a incrementar os seus servizos, de xeito que estrea en probas MEGAchat, unha plataforma de chat de audio e vídeo con cifrado punto a punto, que funciona directamente dende navegadores web (sen precisar de plugins adicionais) e que busca competir directamente con Skype. Esta plataforma de mensaxería polo momento está integrada no propio servizo web de MEGA, que actualmente conta con máis de 15 millóns de usuarios rexistrados. MEGAchat xa permite realizar videochamadas, pero en seguintes versións permitirá tamén permitirá chats de texto e conferencias de vídeo.
Está claro que Skype non é o sistema de comunicación máis seguro do mundo á hora de querer ocultar as conversas, pero que MEGAchat sexa unha alternativa mellor é algo que terá que demostrarse co tempo, aínda que non o vai ter doado, xa que incluso dende Mozilla teñen unha solución semellante, Firefox Hello, que tamén fai doado establecer comunicacións de vídeo directamente dende o navegador web (que ao empregar tecnoloxía WebRTC non só funciona con Firefox, senón tamén con Chrome e Opera).

PUBLICIDADE