Lugo súmase á listaxe de 250 cidades de todo o mundo que celebran o Arduino Day

luns, 23 de marzo do 2015 Fernando Sarasketa

A asociación makers.lugo será unha das organizadoras da xornada Arduino Day, que se celebra en 250 cidades de todo o mundo. Así nolo confirma Andrés Maneiro, un dos fundadores da entidade, que co seu labor incluíu Lugo entre a devandita listaxe de urbes que celebran a o desenvolvemento do hardware libre Arduino e as súas múltiples posibilidades para a enxeñaría industrial, a robótica, a informática e os sistemas de intelixencia artificial. A cita é este 28 de marzo. En Lugo, o centro de operacións dos festexos estará no Centro Uxío Novoneyra. Alí realizarase unha exposición de iniciativas relacionadas con Arduino, plataforma de hardware libre para a creación de proxectos interactivos.
Segundo informa makers.lugo, trátase da segunda edición deste evento, que se levará a cabo durante todo o día, aberto a tódolos públicos. Contarase ademais coa presenza de iniciativas de toda Galicia, “dando a coñecer unha ampla variedade de proxectos, dende impresoras 3D ata sistemas para o control enerxético do fogar, pasando por robótica educativa, árbores de Nadal ou invernadoiros controlados por Arduino”, explican dende a asociación. O evento realizarase de 10:00 a 13:30 horas e 16:30 a 19:30 horas, con presentacións de proxectos tanto pola mañá (de 11:30 a 12:30) como pola tarde (de 17:30 a 18:30).
Lembrar que makers.lugo é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en xaneiro de 2014, que forma parte do movemento maker (a cultura de “fágao vostede mesmo”, sinalan os membros do colectivo). Ten como obxectivo contribuír á construción dunha sociedade baseada nos principios do libre acceso á tecnoloxía, impulsando actividades relativas a hardware e software sen licenzas privativas. Segundo engade a asociación acerca do seu propio nome, o termo maker é unha palabra acuñada por Dale Dougherty, fundador en 2005 da revista Make, que lle dá nome ao espírito e á metodoloxía que se aplicaban dende anos antes nos hackerspaces e fab labs. Nestes obradoiros, engade a asociación galega, xuntábanse milleiros de artistas, enxeñeiros, programadores, autodidactas e seareiros TIC de todo o mundo, “compartindo ideas e proxectos, creando unha nova cultura baseada na colaboración e libre acceso á tecnoloxía”.
Como dixemos, o Arduino Day conmemora a chegada da plataforma do mesmo nome, unha tecnoloxía baseada nunha placa cun microcontrolador e un entorno de desenvolvemento, deseñada para facilitar a creación de proxectos interactivos, que integren elementos electrónicos. Segundo recorda a asociación makers.lugo, Arduino foi creada hai unha década no Instituto de Deseño Interactivo da cidade italiana de Ivrea. Desenvolveuse como ferramenta para que os estudantes puidesen ter acceso a plataformas de creación interactivas de baixo custo. “Na última década”, cóntanos Andrés Maneiro, “estendeu o seu obxectivo orixinal converténdose nun dinamizador da industria global de electrónica e do movemento maker”.

PUBLICIDADE