PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Lugo contará cunha nova web para a comercialización de produtos do rural

mércores 10 de marzo do 2010, por Fernando Sarasqueta | | Compartir en Tuenti | Compartir |

Ao innovador, pola súa feitura, xa se lle supón acubillo na Rede. O problema, ou o reto, está no tradicional. Disto, de ir ligando con éxito unha cousa (a Internet) con outra (as nosas actividades culturais e socioeconómicas de toda a vida), temos os galegos a día de hoxe un completo coñecemento. Porén, cómpre ir alén do acadado e seguir traballando no equilibrio total entre un elemento e outro. Nisto é onde semellan situarse as liñas máis recentes do programa europeo Lug02 (distintivo de calidade para establecementos da dita provincia), presentadas os días pasados por José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo. Os eidos de traballo a engadir, segundo se fai saber en Galicia Gastronómica, irían dirixidos a mellorar pola vía da innovación e as novas tecnoloxías a venda e promoción dos produtos das Reservas da Biosfera (Terras do Miño, Eo-Oscos-Terras de Burón, Ancares) e Courel.
Máis en detalle, trataríase de dúas iniciativas a prol da competitividade das explotacións rurais das devanditas bisbarras, a primeira das cales inclúe a posta en marcha dunha canle de comercialización a través dun portal en liña nos que se darán a coñecer e venderán os produtos da provincia. Esta canle habilitarase ao acubillo da páxina web de Lug02, e non se limitará á comercialización senón tamén ao intercambio de puntos de vista e coñecemento acerca da venda e promoción dende as cooperativas.
A idea básica é que os usuarios poidan xestionar os seus produtos para logo presentalos para a venda nunha tenda en liña, co que se estaría a acurtar a distancia que separa a produtores de consumidores e, ademais, a liberar a canle comunicativa e distributiva dos axentes intermediarios que xeralmente encarecen as vendas. Polo que respecta á outra liña de traballo, dicir que se encamiña a optimizar a calidade dos artigos, tanto dende o punto de vista da hixiene e a presentación como no que se refire á distribución mesma.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS