Lugo Monumental lanza unha web para axudar á veciñanza a atopar o seu agasallo ideal

mércores, 17 de decembro do 2014 Redacción

A Asociación Lugo Monumental vén de reforzar a súa campaña de promoción de Nadal (unha campaña a prol dos comerciantes da cidade vella) cunha páxina web encamiñada a axudar aos veciños a atoparen o seu agasallo máis axeitado e acaido para estas festas. Trátase de envueltopararegalo.com, unha web desenvolvida por Galicia Dixital, empresa de deseño na Rede afiliada a Lugo Monumental. A páxina pon a disposición dos usuarios todo tipo de suxestións para regalos que abranguen un amplo abano de ideas e produtos: dende xoiaría até produtos de alimentación, pasando por ceas de Fin de Ano, viaxes, axudas para os máis maiores, etc.
A web recolle categorías por prezos e grupos para facer máis doada a procura de galanos. Un dos obxectivos dos responsábeis da iniciativa foi o de ir alén do feixe de recursos e dar cabida, tamén, a presentes “pouco habituais nestas datas do Nadal”. Segundo engaden dende Lugo Monumental, “non se trata dunha web de compras, ou unha tenda virtual, senón dun lugar onde atoparmos ideas que se poden ver fisicamente e adquirir nos establecementos asociados”. A páxina, como dixemos, foi posíbel grazas á colaboración desinteresada de Galicia Dixital, que en palabras da dita asociación “fixo un gran esforzo poñendo os medios principais para que o proxecto se convertera nunha realidade”.

PUBLICIDADE