Luarca alíase con Microsoft para pór na nube unha guía elaborada polos veciños

mércores, 26 de xuño do 2013 Redacción

Microsoft e o Concello de Luarca-Valdés (Asturias) amosaron esta semana unha guía turística elaborada de xeito integral pola propia veciñanza. José Modesto Vallejo, alcalde de Luarca-Valdés e María Garaña, presidente de Microsoft Ibérica, foron os encargados de expor as funcionalidades e características desta guía, á que cualificaron de “recurso con personalidade única”. Amais disto, agradeceron a participación persoal dos máis de 7.300 veciños que colaboraron (directa e indirectamente) para realizar Luarca Comparte Luarca a través de Microsoft Office. A iniciativa desenvolveuse baixo o seguinte lema: Ninguén coñece Luarca e o seu concello mellor que un luarqués. Baixo esta idea, o goberno local e a Asociación Valdés Participa promoveron unha alianza con Office para dar a coñecer os múltiples atractivos da vila costeira e a súa contorna.
Como dixemos, a iniciativa coñécese finalmente como Luarca Comparte Luarca. O desenvolvemento da mesma precisou tres semanas de traballo intenso, con veciños de tódalas idades (despois dunha sinxela formación) compartindo os seus segredos nun documento de One Note de Office aloxado en Skydrive. A guía resultante, sinalouse, puído ser consultada e modificada desde calquera dispositivo (PC, móbil, tablet, ultrabook, etc), por ata 300 persoas de forma simultánea. O obxectivo final deste traballo ombro con ombro: dar a coñecer a vila asturiana a través da nube, chegando a impactar en máis de 5 millóns de potenciais turistas. Para isto, contouse co labor directo de máis de 470 autores e 700 entradas ao documento, amais de 200 fotos e 56 seccións. O resultado deste traballo colaborativo desenvolvido a través de Microsoft Office orixinou a guía turística que se presentou esta semana en Luarca.