Logitech publica unha aplicación que converte o iPhone nun touchpad

luns, 18 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

O ultimo paso de Logitech foi realmente abraiante, pois estreou unha aplicación para o iPhone que permite converter o móbil de Apple nunha sistema de control remoto para o ordenador, xa que a pantalla táctil do trebello serve para funcións de rato (máis concretamente coma touchpad con soporte multi-táctil) e teclado (mediante un teclado virtual en pantalla).
Touch Mouse é unha aplicación de balde dispoñible na App Store, precisando para funcionar dunha aplicación instalable no PC (dispoñible para Windows XP/Vista/7 e Mac OS X) que fai de servidor, e que queda residente no ordenador, de xeito que permite ceder o control do equipo a un iPhone que teña instalado o mencionado programa.
Esta nova ferramenta pode resultar de utilidade coma mando a distancia do PC durante a reprodución de funcións multimedia ou para dirixir presentacións, sen ter que facer uso dun periférico específico para tal fin.

PUBLICIDADE