LibreCon 2016 comeza a pechar fileiras e facer programa dende Bilbao

xoves, 16 de xuño do 2016 Redacción

Volve LibreCon, a gran xuntanza sobre software libre e actividade empresarial. Iso si: logo da anterior convocatoria celebrada en Santiago por AGASOL e o Cluster TIC Galicia, a edición 2016 deste referencial evento de programación aberta e negocios despraza o seu eixe de actividade cara Euskadi, máis polo miúdo cara Bilbao, collendo ASOLIF e ESLE (Asociación de Empresas de Software Libre de Euskadi) as rendas da organización e o desenvolvemento. O evento (sexta edición) celebrarase os días 22 e 23 de novembro e segundo nos avanzan dende Mancomún, centrará a súa actividade en dous eixes fundamentais da economía: Open Industry 4.0 e Open Finances.
Os participantes en LibreCon, polo tanto, amosarán polo miúdo as tecnoloxías abertas que achegan servizo, sustento e alicerce aos novos retos da Industria 4.0 e ao Sector das Finanzas e Seguros, en eidos concretos como a computación na nube, a análise de Big Data (datos masivos) e o pulo ao IoT (a chamada Internet das Cousas).
A organización do evento xa está arestora a facer chamamentos para acadar a máxima asistencia de participantes: abriuse rolda de propostas para concorreren con relatorios, casos prácticos de negocio ou demostracións tecnolóxicas. Os profesionais e empresas tamén teñen a posibilidade de pór o seu gran de area como patrocinadores ou expositores. O prazo para a recepción de papers para a LibreCon 2016 ficará aberto até o vindeiro 15 de xullo.
Como lembraremos, a pasada edición foi organizada o ano pasado por AGASOL, ASOLIF e o Cluster TIC Galicia e tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago. O evento acolleu durante dous días a centos de responsábeis e profesionais (galegos, estatais e internacionais) do mundo da empresa, a administración e a educación, que deron a coñecer as tendencias e casos de éxito baseados en tecnoloxías abertas que fornecen no momento actual a competitividade e innovación das empresas e administracións públicas.

PUBLICIDADE