LibreCon 2016 amosará como cambiar o mundo industrial con software libre

luns, 26 de setembro do 2016 Redacción

Xa comezou a conta atrás para o que se prevé, en palabras da organización do encontro, “o maior evento de tecnoloxías aberta e de negocio”. Falamos de LibreCon, que na súa anterior edición celebrouse en Santiago e agora traslada a súa sede temporal cara a Bilbao (entre o 22 e o 23 de novembro). O evento vén da man das entidades ASOLIF (Federación Nacional de Empresas de Software Libre) e ESLE (Asociación de Empresas de Software Libre de Euskadi). Segundo apuntan, grazas a esta xuntanza Bilbao será o escaparate das “solucións open source máis vangardistas e os servizos máis innovadores”. Farase especial fincapé nas posibilidades da programación aberta para o sector industrial (Industria 4.0) e o financeiro.
LibreCon 2016, explican, centrarase en dar visibilidade a solucións baseadas en tecnoloxías abertas para os novos retos da dixitalización, como a conectividade, a transformación dixital e a velocidade. “Deste xeito”, aclaran, “os problemas aos que fan fronte as empresas convértense en oportunidades de económicas, en novas vantaxes competitivas e mesmo en xeradoras de riqueza e emprego”.
A previsión é xuntar máis de 1.500 persoas e 600 empresas. O programa do congreso abranguerá máis de 120 relatorios.
Haberá, dentro do marco de LibreCon, unha serie de encontros nos que van participar os membros da xunta directiva de ASOLIF (á súa vez representantes das asociacións autonómicas ESLE, CESLA, Grupo Mixto e AGASOL, a Asociación Galega de Empresas de Software Libre) e os representantes de empresas asociadas, encontros nos que “poderán establecer un diálogo aberto sobre intereses, beneficios de pertencer a ASOLIF e plans de futuro”.
A pasada edición (a quinta) de LibreCon foi organizada o ano pasado por AGASOL, ASOLIF e o Cluster TIC Galicia e tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE