Legend of Zelda: Breath of the Wild será o derradeiro xogo de Nintendo para Wii U

venres, 20 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

As consolas domésticas de Nintendo tiveron unha sorte moi desigual, de xeito que a clásica Super Nintendo vendera 49,1 millóns de unidades, a GameCube 21,74 millóns de unidades e a Wii 101,63 millóns de unidades, o que deixaría claro que a GameCube foi un relativo fracaso, polo que o feito de que a Wii U só vendese 13,36 millóns de unidades até o pasado mes de setembro levaríanos a pensar que foi un auténtico desastre, de aí que no sorprenda que coa chegada da Nintendo Switch o vindeiro 3 de marzo declaren defunta a anterior consola doméstica.
Ao parecer, a produción da Wii U podería terse detido hai xa bastantes semanas, e Nintendo non tería nin sequera interese en desfacerse do stock, pois durante o Nadal nin sequera reduciron o seu prezo para liquidala, pese a que o presidente de Nintendo nos EE.UU., Reggie Fils-Aime, vén de confirmar nun evento en New York que o xogo que acompañará ao lanzamento da Nintendo Switch, Legend of Zelda: Breath of the Wild, será o derradeiro xogo de Nintendo que teña versión para Wii U, o que supón a morte práctica da consola, que practicamente só ten xogos desenvolvidos polo seu fabricante.
A Wii U manterase nas tendas durante os vindeiros meses, así como os seus xogos en físico e dixital, e aínda non definiron o calendario de cesamento dos servizos en liña da consola en extinción, aínda que parece que os xogos Mario Kart e Splatoon poderán seguir xogándose en liña durante bastante tempo.
Dende Nintendo confían en que a nova consola teña unha traxectoria moi diferente á da Wii U, xa que é un produto o suficientemente diferenciado como para non confundir ao público, e a forza das marcas de Nintendo, xunto co apoio de bastantes estudios externos poderían facer que a Nintendo Switch conseguirse ser unha máquina de grande éxito pese a non competir en potencia coa PS4 ou a Xbox One. De feito, a grande dúbida na actualidade é se a Nintendo Switch fará perigar o futuro da familia da Nintendo 3DS, pois ao ser unha consola doméstica que pode funcionar como portátil podería vampirizar boa parte do mercado das portátiles, onde Nintendo continúa a ter bos resultados pese ao impacto dos smartphones e as tabletas.

PUBLICIDADE