Lanzada unha aplicación para votar e opinar sobre as propostas dos políticos a tempo continuo

martes, 2 de setembro do 2014 Fernando Sarasketa

A recuperación do concepto de cidadanía activa e participativa impulsado a través das redes sociais e outros instrumentos de comunicación deu como resultado diversas agrupacións sociais e políticas que en certa medida adaptaron estas fórmulas colectivas á vida real, fórmulas por outro lado que viñan de antigo. Falamos de agrupacións como os Piratas ou en certa medida Podemos. Agora, a tecnoloxía segue a preparar o camiño deste novo xeito de facer as cousas, onde cada cuestión é susceptíbel de ser valorada por todas e todos. E faino (preparar o camiño) con ferramentas como Votando, que se presentou a finais de agosto como “a primeira aplicación española e de balde, dispoñíbel en Android, iOS e tamén web, que permite aos cidadáns informarse e votar de forma virtual sobre os asuntos e propostas que se tratan no Congreso dos Deputados”.
A aplicación, engaden os seus responsábeis, favorece a existencia dunha democracia continua en España amosando en tempo real a información dos votos emitidos, a través de gráficos que ilustran a opinión dos españois sobre as iniciativas e propostas actuais, permitindo saber como resulta a nosa opinión respecto da do resto dos votantes. Votando constitúe polo tanto unha ferramenta de voto dixital, que ademais (engaden os seus impulsores) ten a vantaxe de ser “apolítica, transparente, informativa, non mercantilista, sinxela de utilizar e de carácter anónimo”. Por certo que o anonimato vén dado polo seguinte: a aplicación está deseñada de xeito que non sexa posíbel baixo ningún concepto establecer unha relación entre votante e voto expreso.
Os seus creadores, amais do devandito, tamén queren salientar o labor divulgativo da súa ferramenta. Nas súas palabras, Votando é quen de “facilitar a comprensión e información do debate político e social, aumentando con iso o sentido crítico do cidadán”. E engaden: “Tamén reflicte de forma gráfica o pensamento dos que aquí participan de maneira instantánea, colaborando no respecto cara ao pensamento maioritario”.
Detrás desta aplicación atópase un equipo coordinado por Margarita Rodríguez Ibáñez, creadora da ferramenta, que explica que Votando non é en absoluto unha empresa, só un grupo de “persoas apolíticas, independentes e imparciais que entenden que a sociedade precisa de ferramentas que favorezan a expresión de opinións dunha maneira transparente e sinxela, e onde se posibilite emitir un voto sobre os temas que se debaten no noso ámbito político, social e cultural”. O recurso está xa accesíbel desde www.votando.es e dispoñíbel en Google Play e App Store.

PUBLICIDADE