LG deixará de fabricar televisores de plasma

venres, 29 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Televisor de plasma de LG presentado en 2009

LG non só está a ser o primeiro fabricante en vender televisores OLED 4K, senón que tamén está a seguir a inevitable tendencia do mercado na que se demostra que as novas tecnoloxías de pantalla deixan obsoletas as antes aclamadas pantallas de plasma, e dende os medios surcoreanos aseguran que LG está a prepararse para suspender a fabricación de televisores de plasma ante o derrubamento da súa demanda.
Actualmente LG estaría a estudiar a data na que cesaría a produción de plasmas, polo que aínda non pecharon a data na que o segundo principal fabricante de televisores do mundo diría adeus a unha tecnoloxía que supuxo o comezo dos televisores delgados de grande tamaño, pero que coas súa dificultades para ofrecer imaxes de alta definición e o seu elevado consumo foi perdendo o atractivo, de xeito que durante o ano pasado só se venderon 10,3 millóns de unidades (entre todos os fabricantes) e prevese que tal volume non chegue aos 5 millóns de unidades en 2015.
Os consumidores foron deixando de lado a tecnoloxía de plasma, especialmente tras a baixada de prezo das pantallas LED, e agora a nova tecnoloxía á que aspirar sería a OLED, que xa é unha realidade comercial, pero aínda precisa dunha considerable redución de prezo para chegar ao grande público.
Samsung tamén está a traballar o cesamento da fabricación de televisores de plasma, estando datada a fin da produción no 30 de novembro, mentres que fabricantes como Panasonic xa deixaron de producir plasmas o ano pasado.

PUBLICIDADE