LEGO Star Wars: El Despertar de la Fuerza sae á venda

martes, 28 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Dado o nivel de seguridade co que se xestou o filme Star Wars: El Despertar de la Fuerza, resultaba evidente que non podía desenvolverse un videoxogo sobre a mesma, xa que podería ter provocado numerosas filtracións sobre a produción principal, pero os seareiros da produción cinematográfica si van poder revila de xeito interactivo cunha aparencia máis divertida, xa que hoxe sae á venda LEGO Star Wars: El Despertar de la Fuerza, xogo de TT Games que podemos adquirir en versións para Xbox 360, Xbox One, PlayStation 3, PlayStation 4, PS Vita, Wii U, Nintendo 3DS e PC.
Este novo xogo permitiranos xogar con todos os personaxes da película (incluídos Rey, Finn, Poe Dameron, Han Solo, Chewbacca, C-3PO, BB-8, Kylo Ren, o xeneral Hux e a capitana Phasma) e introduce novas funcionalidades con respecto aos anteriores títulos de LEGO Star Wars como o sistema de multi-construcións no que os xogadores poden escoller entre varias opcións para crear algo para progresar no xogo, ou as emocionantes batallas de bláster.
O xogo tamén conta cun pase de tempada que pode adquirirse dentro da edición de luxo do xogo ou por separado, e que inclúe tres lotes de niveis (co regreso de Poe á base da Resistencia dende Jakku, o ataque a Takodana na pel de Kylo Ren e a caída da Base Starkiller encarnando aos pilotos da Resistencia), así como un pack de personaxes Jedi e lotes con máis personaxes de Star Wars alleos ao filme en cuestión.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE